O BNG pide a restauración, limpeza e posta en valor da Ponte do Vao, no Corgo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou o rexistro de novas iniciativas durante a súa visita á Ponte do Vao, no Concello do Corgo, co obxectivo de instar ao Goberno do Estado a levar a cabo a restauración, limpeza e posta en valor desta infraestrutura histórica.
A organización nacionalista subliñou a necesidade de realizar actuacións precisas para mellorar tanto a limpeza e rexeneración da ponte como a renovación da sinalización e a instalación de paneis informativos que expliquen a historia e as características deste monumento arquitectónico.
A Ponte do Vao, situada na intersección do río Chamoso co Camiño Real, na antiga N-VI, é unha obra construída no século XVIII e conta con catro vans de luces de 5,5 metros resoltos con arcos de medio punto.
Con todo, como destacou Rego, a ponte "permanece oculta pola maleza e nun estado de total abandono, o que pon en perigo a súa preservación e impide que os veciños e visitantes poidan apreciar a súa beleza e valor histórico".
ACCIÓNS SOLICITADAS
Rego destacou a importancia de que o Ministerio de Transportes, como titular da infraestrutura, tome cartas no asunto e actúe para mellorar o estado de conservación da Ponte do Vao. Tamén resaltou a necesidade de contar coa participación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e de manter un diálogo continuo cos concellos afectados, especialmente o do Corgo e o de Lugo.
Entre as actuacións solicitadas, Rego subliñou a urxente limpeza e rexeneración das zonas degradadas, así como a mellora da iluminación da ponte e a colocación de paneis informativos que permitan aos visitantes coñecer a historia da infraestrutura e as súas características arquitectónicas.
"O Goberno debe actuar para restaurar esta xoia arquitectónica, que non só é importante pola súa construción, senón tamén polo valor cultural e patrimonial que representa", afirmou Rego. A Ponte do Vao, de acordo co deputado, debe ser posta en valor e visible para que as persoas camiñantes e os turistas poidan gozar dela de maneira íntegra.
O deputado estivo acompañado na visita pola voceira do BNG no Corgo, Pilar Bellón, e por outros membros e cargos orgánicos da organización no concello. Durante o percorrido tamén participou o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, dado que a ponte tamén limita co municipio de Lugo.