O BNG pide á Xunta que adopte medidas urxentes para frear a praga da rata toupa

A deputada do BNG, Montse Valcárcel, reclamou á Xunta de Galicia que adopte medidas urxentes para frear a praga da rata toupa, que volve converterse nun problema de gran magnitude no sur e leste da provincia de Lugo, onde xa afecta a máis de 8.000 hectáreas de terreos agrarios.
Valcárcel criticou duramente a xestión do Goberno galego, sinalando que a orde de axudas posta en marcha en 2023 foi “mísera” e “claramente insuficiente para atender as necesidades do sector afectado”. Segundo explicou, os pagos reais apenas alcanzaron os 93 euros por hectárea, moi lonxe dos 300 euros anunciados, polo que non foron suficientes para compensar os graves danos provocados por esta praga.
Así mesmo, a deputada nacionalista cuestionou a eficacia das medidas propostas pola Xunta, que —ao seu xuízo— se limitan á “colocación de trampas, un método pouco eficaz para un control real da poboación de rata toupa”.
Nesa liña, Valcárcel salientou a importancia de continuar apoiando as investigacións que se están a desenvolver no campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se teñen acadado avances significativos no uso de produtos naturais como estratexia de loita biolóxica. Estes produtos, explicou, “imitan os sinais químicos dos predadores e axudan a reducir a capacidade reprodutiva da rata toupa, o que representa un paso clave cara a un control máis eficaz desta praga”.
A deputada tamén reclamou ao Goberno galego que incremente o apoio a estas investigacións e destine máis recursos tanto para a loita contra a praga como para establecer liñas de axuda axeitadas que compensen ás persoas gandeiras polas perdas sufridas nos últimos anos.
O BNG presentou unha iniciativa parlamentaria na que solicitaba que a Xunta puxera en marcha medidas efectivas de control e abrira unha nova liña de axudas no ano 2025 para cubrir os danos ocasionados nos terreos agrarios afectados. Porén, a proposta foi rexeitada polo Partido Popular.
A rata toupa é un roedor autóctono das zonas de montaña que se converteu en praga en Galiza desde o ano 2009, cando se detectaron os primeiros focos. A súa proliferación provocou graves prexuízos nas explotacións gandeiras, especialmente nos concellos das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Nestas zonas, os danos afectan tanto á calidade dos prados como á produción de silo, que se ve contaminado con terra e impurezas, obrigando as persoas gandeiras a mercar forraxes doutras zonas e incrementando considerablemente os custos de produción.