O BNG pide manter a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como centro autónomo

LugoXa
A formación nacionalista insta á Xunta e á USC a rexeitar a integración como sección subordinada da Facultade de Santiago
Montse-Valcarcel-BNG-Parlamento
30 Sep 2025

O BNG presentou no Parlamento unha batería de iniciativas para defender a continuidade da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como centro autónomo. A deputada nacionalista Montse Valcárcel salientou que este centro leva máis de medio século formando profesionais cualificados para todo o sistema sanitario e académico galego, cunha alta demanda e amplo recoñecemento.

Valcárcel advertiu de que a proposta da Xunta e da Universidade de Santiago de Compostela para integrar a escola como unha sección subordinada da Facultade de Santiago suporía “unha perda de autonomía organizativa, capacidade de xestión e peso para Lugo como cidade universitaria”. A deputada lembrou que tanto os colexios profesionais do sector sanitario como o profesorado do centro, a Academia Galega de Enfermaría e mesmo a administración local coinciden en defender a súa continuidade cunha estrutura propia, adaptada ás necesidades sanitarias e sociais da provincia.

“O exemplo doutras universidades do Estado, que manteñen escolas e facultades duplicadas sen ningún problema, amosa que non hai impedimento para que Lugo conserve a súa autonomía”, subliñou a parlamentaria do BNG.

A proposta presentada pola formación nacionalista insta á Xunta a garantir a pervivencia da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como centro autónomo adscrito á USC, con identidade e capacidade de xestión propias, en condicións de igualdade respecto ao resto de centros da institución. Ademais, demanda que calquera modificación estrutural conte co respaldo do claustro de profesorado, do colexio profesional e dos representantes do sector sanitario lucense.

⚙ Configurar cookies
0.053526878356934