O BNG pide medidas urxentes para os veciños de Nadela afectados polo fume dunha fábrica
O BNG pide medidas urxentes a Medio Ambiente para garantir a seguridade e saúde da veciñanza que vive nas proximidades da fábrica de Tableros Hispanos SLU, en Nadela. A deputada do BNG, Olalla Rodil interpelou á conselleira de Medio Ambiente, Álgeles Vázquez ante os efectos provocados polas fábrica de Tableros Hispanos SLU sobre o territorio e saúde dos veciños e veciñas do Vilar de Nadela.
Tras saudar aos veciños e veciñas do Vilar que asistiron ao debate na Cámara galega e viven a escasos metros da fábrica situada ás aforas da cidade de Lugo, Rodil explicou que "o fume pola actividade da fábrica resulta insoportable, de aí que a veciñanza leve anos reclamando, tanto aos responsables da fábrica como ás institucións medidas contra os efectos do fume e o picor persistente en ollos e gorxa".
Ante a gravidade da situación, a nacionalista propuxo á titular de Medio Ambiente convocar aos veciños e veciñas afectadas, que a empresa “cumpra escrupulosamente a normativa vixente” e "instalar unha estación permanente de medición do aire no lugar para non depender dos datos da estación de Meteogalicia en Fingoi que recolle os datos a 8 quilómetros da fabrica de Tableros, onde non existe problema de fume”.
Por outra parte, a deputada do BNG engadiu que "a contaminación do aire non é a única irregularidade cometida pola empresa xa que foi tamén sancionada por vulnerar a lei de xestión de residuos perigosos e vertendo augas residuais sen autorización de vertidos da Confederación Hidrográfica”.
A nacionalista declarou que "a Organización Mundial da Saúde fixa un máximo de partículas PM10 en 20 microgramos por m³, sen embargo, as análises elaboradas pola Xunta baséanse en dúas mostras aleatorias durante un día en 2020 e outro en 2021 e aínda que o límite diario establécese en 50 microgramos por m³, o datos reflectidos en Vilar sitúanse en 45, é dicir, máis do dobre recomendado pola OMS".
Rodil concluíu a súa intervención recalcando que “ningunha empresa pode estar por riba da lei e esta empresa é unha habitual incumprindo a xestión de residuos perigosos ou vertidos contaminantes”. Dende o BNG piden “celeridade e premura” para que os veciños e veciñas do Vilar poidan vivir nas súas casas.