O BNG pide no Congreso mellorar as conexións ferroviarias de Lugo
O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, compartiu as propostas de resolución rexistradas polo deputado Néstor Rego no Congreso dos deputados referentes ás melloras na rede ferroviaria de Lugo. Arroxo explicou que “Lugo é a cidade peor conectada por tren de Galicia, e as propostas de resolución que impulsamos desde o BNG buscan que o goberno do estado se comprometa a mellorar a rede e as conexións ferroviarias”.
O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible, para o que reclama do goberno central a posta en marcha dunha mellora das infraestruturas ferroviarias de Galicia, especialmente nas liñas Lugo – A Coruña, A Coruña – Ferrol, Ferrol – Ribadeo e Vigo – Tui, xunto coa posta en marcha dun servizo de cercanías ferroviarias en Galicia.
Xunto con isto, o BNG reclama un plan de mellora dos servizos ferroviarios que se están a prestar actualmente, co obxectivo de modernizar as liñas convencionais e ofertar un tren competitivo, con tempos de viaxe máis curtos, e máis frecuencias e servizos, que permitan a conectividade territorial en tren na Galiza. “Non ten sentido que despois da chegada do AVE, leve menos tempo chegar de Ourense a Madrid en tren que de Lugo á Coruña, unha viaxe que en coche se fai nunha hora”, explicou Rubén Arroxo.