O BNG pide no Parlamento o apoio contra Altri e Galiza Nova anima a mobilizarse

LugoXa
Secundino Fernández defendeu en comisión parlamentaria unha proposición non de lei para pedir ao Goberno do PP que tome posición en contra do proxecto
Finca onde se instalará Altri
Finca onde se instalaría Altri
25 Maio 2024

Altri continúa a ser unha cuestión primordial no Parlamento. Secundino Fernández defendeu en comisión parlamentaria unha proposición non de lei para pedir ao Goberno do PP que tome posición en contra do proxecto de Altri polo impacto que, de facerse realidade, tería no territorio, sobre os recursos hídricos e sobre o monte e a superficie agraria nunha comarca -A Ulloa- que é eminentemente gandeira e “un verdadeiro exemplo de economía circular”.

O deputado nacionalista convidou así aos deputados populares a escoitar o “clamor social” en contra da megacelulosa, para a que o PP vén de pedir no Congreso 250 millóns de euros dos fondos europeos. “Se botamos contas, cada posto de traballo que se crearía con esta macro fábrica sae a medio millón de euros”, denunciou logo de lembrar que, segundo a documentación publicada, serán 500 os postos de traballo que se crearían cando as instalacións funcionasen a pleno rendemento.

O risco que a instalación pasteira implica para o sector agrogandeiro centrou boa parte da intervención do deputado, quen subliñou ao respecto o incremento da demanda de eucalipto que traerá consigo unha demanda de terras para a plantación desta especie invasora e, en consecuencia, menor dispoñibilidade de terras para uso agrario. A perda de prestixio da DO Queixo Arzúa Ulloa e Tetilla, a valorización negativa das granxas ou a contaminación atmosférica e das augas “repercutindo de xeito negativo sobre as terras, o turismo e a restauración” foron outros dos riscos sinalados por Secundino Fernández na defensa da iniciativa, que foi rexeitada.

Campaña As caras de Altri

“Pensen nos miles de familias que traballan e viven do sector agrogandeiro, pensen nas miles e miles de mulleres e homes que viven nas parroquias destas comarcas e que loitan por manter un medio rural vivo”, reclamoulle aos deputados do PP, para concluír a súa intervención cun “Altri non!”.  Pola súa parte, a organización xuvenil do BNG presentou a súa campaña As caras de Altri coa que pretenden poñer o foco nas persoas responsables da macrocelulosa, así como para animar a toda a mocidade a mobilizarse na manifestación que terá lugar no mesmo concello este domingo.

Tal e como manifestou Alba Regueiro, responsábel de Galiza Nova nesta comarca, “a nosa é unha das comarcas máis afectadas por esta bomba medioambiental e é necesario que se saiba quen está detrás, que hai responsables políticos pretendendo hipotecar o noso país e o noso futuro”. Con este obxectivo, “ensinámosvos as verdadeiras caras de Altri, para sinalar o papel que tiveron persoas como Ánxeles Vázquez ou o presidente do goberno da Xunta, Alfonso Rueda, que máis unha vez demostran que os seus intereses están do lado dos grandes poderes económicos e non da sociedade galega”, engadiu.

Ata Arzúa achegouse tamén Marta Gómez, secretaria xeral da organización, que fixo fincapé en que este é “un problema que afecta a todo o país, a nivel de impacto medioambiental, mais tamén económico, social e por suposto político” sinalou. Gómez acrecentou que “Galiza Nova, xunto con Erguer. Estudantes da Galiza, rexistrou no mes de abril ao redor de 5000 alegacións ao proxecto de Altri e estará este domingo na manifestación convocada pola Plataforma no concello de Palas de Rei”.

0.079723119735718