O BNG pide un punto limpo mancomunado para Castroverde e Baleira

LugoXa
A formación reclama un servizo conxunto de recollida e tratamento de residuos para mellorar a xestión e evitar riscos ambientais e de saúde pública
nave-punto-limpo-Baleira
18 Sep 2025

O BNG defendeu que a veciñanza de Castroverde e Baleira merece contar cun servizo adecuado de recollida e tratamento de residuos adaptado á realidade destes dous concellos, polo que os grupos municipais nacionalistas solicitan a creación dun punto limpo mancomunado que dea resposta ás necesidades ambientais e de saúde pública da zona.

En Castroverde, a formación lembra que xa no ano 2022 reclamaran a instalación dun punto limpo para recoller residuos dun vertedoiro incontrolado situado ao lado do campo de fútbol. Un ano despois, en 2023, o goberno socialista local perdeu unha subvención da Xunta de Galicia de 27.000 euros ao non realizar as accións necesarias para habilitar este servizo. Na actualidade, desde hai máis dun mes, existe un novo foco de almacenamento de residuos, sen que o executivo municipal atenda as demandas veciñais para darlle unha solución.

En Baleira, a problemática evidenciouse recentemente cun incendio nunha nave municipal na que se gardaba maquinaria e tamén residuos procedentes da recollida de mobiliario. O BNG advertiu do perigo que supón esta situación para as casas e familias da vila, xa que un lume destas características podería descontrolarse e chegar a afectar as vivendas próximas ou mesmo propagarse polo núcleo urbano.

Desde a formación nacionalista sosteñen que tanto en Castroverde como en Baleira hai exemplos claros de mala xestión dos residuos voluminosos, o que provoca a perda de investimentos públicos e supón riscos innecesarios para a poboación.

Díaz lembrou que o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2022-2028, aprobado pola Xunta, recolle a implantación dunha rede de puntos limpos en todo o territorio, con especial atención ás solucións supramunicipais en áreas rurais e dispersas. Este modelo, segundo explicou, está pensado para optimizar recursos, reducir custos e garantir un servizo eficaz á cidadanía. Pola súa banda, Castro incidiu en que a creación dun punto limpo mancomunado permitiría aproveitar mellor os recursos económicos e humanos, ao tempo que ofrecería un servizo máis accesible e de maior calidade. “No rural non somos veciños e veciñas de segunda e merecemos ter o mellor servizo”, asegurou.

O BNG subliñou, ademais, que a mancomunación de servizos responde a un obxectivo xeral de mellora da prestación pública e do fortalecemento da cooperación entre municipios.

⚙ Configurar cookies
0.07833194732666