O BNG pon en valor desde Friol o traballo que se fai nas comunidades de montes

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, acompañada de Mar Pérez militante do BNG en Friol, visitou os terreos da comunidade de montes de Carballo en Friol.
Os montes veciñais configúranse como un dos principais motores de emprego a nivel local tanto con actuacións de natureza directa do monte, como a mellora da explotación forestal ou o aproveitamento da biomasa, como a través do aproveitamento gandeiro con proxectos realmente agroforestais, ou a produción de cogomelos.
“O monte é unha das principais potencias para a transformación do país, cunha grande capacidade de dinamización económica e creación de emprego”, expuxo a deputada nacionalista.
Valcárcel indicou que dous terzos da superficie do país son monte polo que debe abordarse dende diferentes perspectivas. "O monte ten que preservar a biodiversidade e fuxir dun monte monoespecífico", dixo. Defendeu que os aproveitamentos produtivos son fundamentais, as intervencións públicas no relativo á planificación, mellora xenética ou xestión silvícola. Salientou que hai oportunidades para que o monte dea moito máis de si, se se traballan as cadeas de valor dos produtos.
Avogou pola creación de centros integrais de xestión do monte para apoiar a xente propietaria de terras nas políticas silvícolas, abrir liñas de financiamento para premiar as boas políticas de xestión e fomentar actuacións de maior escala e instrumentos de xestión conxunta. Defendeu tamén que o BNG potenciará a investigación e a ciencia e tecnoloxía aplicadas en favor do sector para mellorar a xestión e o asesoramento.
Valcárcel destacou que todos estes usos produtivos do monte compleméntase coas funcións sociais, culturais, paisaxísticas, recreativas e de lecer que presta o monte, no caso desta comunidade de montes entre outras, coa organización da rapa das bestas que é un proxecto que naceu co orgullo de colaborar na recuperación do Cabalo Pura Raza Galega.
Finalmente, Valcárcel expuxo as propostas do BNG sobre comunidades de montes. Destacando que é preciso avanzar cara ao recoñecemento xurídico pleno; cambiar a fiscalidade das comunidades para que non teñan o mesmo trato que unha empresa con ánimo de lucro; políticas de incentivos á boa xestión forestal e silvícola; mellorar apoios de financiamento, axudas, e simplificar a burocracia e potenciar procesos plurianuais de proxectos.