O BNG preguntará se o Goberno financiará a planta de Coeses con fondos europeos
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou Lugo, onde mantivo un encontro con veciñas e veciños dos núcleos de poboación próximos a onde está proxectada a construción dunha planta de biometano. Rego afirmou que o BNG seguirá apoiando á veciñanza nas súas mobilizacións en contra deste proxecto e anunciou que traballarán "para que o Estado non facilite fondos europeos a esta iniciativa que será nociva para un gran número de veciñas e veciños de Lugo".
Rego estivo acompañado polo portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e pola deputada do BNG no Parlamento Galego Montse Valcárcel. O BNG solicitou no Congreso o informe emitido pola CHMS, un documento que valora negativamente o proxecto e que será vinculante para a autorización ambiental da Xunta. O documento da CHMS valora o negativamente o sistema proxectado para o tratamento das augas residuais, que non garantiría que os vertidos non supoñan un risco para o medio, "hai que ter en conta tamén que este proxecto se situará en terreo rústico de protección forestal, polo que a valoración de impacto ambiental debe ser o máis exhaustiva posible", afirmou Néstor Rego.
Tamén criticou que "ao declarar este proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, redúcense os prazos administrativos, mais o verdadeiramente importante é garantir que esta planta non afecte á calidade de vida da veciñanza nin á biodiversidade da contorna". Rubén Arroxo destacou que "desde o BNG seguiremos apoiando ás veciñas e veciños en todos os pasos que den para evitar a construción desta planta". Lembrou que, desde un primeiro momento, o BNG apoiou á veciñanza afectada por este proxecto, colaborando tanto nas mobilizacións como na recollida de centos de alegacións presentadas ao longo do prazo establecido pola Xunta.
O portavoz do BNG criticou que "a declaración deste proxecto como iniciativa empresarial prioritaria supón unha alfombra vermella posta pola Xunta para que esta empresa poida executar o seu proxecto reducindo os trámites administrativos e sen ter en conta a afección que esta planta poida producir ás veciñas e veciños"
Rubén Arroxo lembrou que o pleno municipal aprobou por unanimidade instar á Xunta a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación".