O BNG presenta máis de 700 alegacións contra o proxecto de Altri en Palas de Rei

LugoXa
O BNG presentou na Xunta de Galiza as máis de 700 alegacións que se recolleron nas últimas xornadas en distintos postos informativos colocados na comarca de Lugo polo BNG, e pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova xunto coa organización estudantil Erguer.
bng_altri
17 Abr 2024

O BNG presentou na Xunta de Galiza as máis de 700 alegacións que se recolleron nas últimas xornadas en distintos postos informativos colocados na comarca de Lugo polo BNG, e pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova xunto coa organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza. A deputada do BNG Montserrat Valcárcel, que estivo acompañada polo portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e cargos orgánicos e institucionais do BNG en Lugo, afirmou que "o proxecto que Altri pretende executar en Palas de Rei será unha bomba ambiental que perxudicará a toda Galiza, especialmente nunha comarca que destaca polo seu desenvolvemento agrario".

O proxecto de Altri en Palas de Rei “condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega", explicou a deputada do BNG, que destacou que "a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza".

Montserrat Valcárcel resaltou que "non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía". O BNG considera o proxecto de Altri como "unha industria de enclave", "unha pasteira de grandes dimensións que vai levar a outros países a transformación da materia prima e que pon en perigo importantes sectores produtivos de Galiza", afirmou.

As alegacións presentadas reclaman á Xunta a non Autorización Ambiental Integrada, o rexeitamento do Estudo de Impacto Ambiental, a  non declaración de Utilidade Pública e o rexeitamento do proxecto promovido por Altri en Palas de Rei. A planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna.

0.15651106834412