O BNG presenta o proxecto da prolongación da segunda ronda

LugoXa
O BNG presentou hoxe o proxecto da prolongación da segunda ronda entre a rúa Camiño Real e a Fonte dos Ranchos
BNG presentación proxecto
17 Abr 2023

Rubén Arroxo presentou o plan de reorganización urbanística para abrir ao tráfico un dos tramos necesarios para darlle continuidade á segunda ronda. “unha vía contemplada no plan xeral do ano 1969 e que a día de hoxe non se desenvolveu na súa totalidade“, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “o desenvolvemento executouse na zona do Carme, Fingoi e Fontiñas, deixando a zona norte paralizada entre o Camiño Real e a Fonte dos Ranchos”.

Arroxo afirmou que “a partir do 28 de maio desde o BNG traballaremos para rematar esta vía, unha actuación necesaria para no futuro conseguir a unidireccionalidade da Avenida da Coruña”.

Un dos obxectivos do remate da segunda ronda, segundo o candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, sería “dirixir o tráfico de toda a zona norte que circula cara o sur da cidade a través desta vía para desconxestionar outras rúas máis céntricas e con menor capacidade para absorber tal cantidade de vehículos”. Arroxo sinalou “a necesidade de avanzar nun proxecto de cidade de futuro, non podemos ter paralizado un dos maiores viais da cidade” e amosouse “disposto a liderar un goberno para darlle un xiro de cento oitenta graos á mobilidade nesta cidade”.

O candidato do BNG á Alcaldía presentou o proxecto na intersección do Camiño Real coa rúa Mazaira e a rúa Mar Cantábrico, que completará a conexión desta vía ata a Ronda do Carme, e estivo acompañado de concelleiras e concelleiros e integrantes da candidatura do BNG.

0.20435881614685