O BNG presenta unha nova campaña de apoio ao comercio local

LugoXa
O BNG aposta por incentivar a compra de produtos locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e a promoción alternativa e ecolóxica.
15 Dec 2023

O BNG aposta por incentivar a compra de produtos locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e a promoción alternativa e ecolóxica.

O Bloque Nacionalista Galego presentou a carón do Mercado Municipal e a Praza de Abastos de Lugo, a campaña Mellor Local, Mellor Galego coa que a organización nacionalista anima a consumir produtos galegos e no comercio de proximidade durante estas datas festivas, mais tamén no resto do ano.

Participou nesta presentación a deputada por Lugo no Parlamento Galego, Olalla Rodil, xunto co grupo municipal do BNG en Lugo, no que a nacionalista destacou a importancia do comercio tradicional “neste punto de Lugo podemos constatar unha parte do mellor da nosa terra, os seus produtos, onde son garantía de calidade e ademais o valor engadido da proximidade de onde se xeran”. Tamén falou desta tradicional campaña que “lanzamos todos os anos nestas datas nas que queremos dar a coñecer a batería de propostas que deseñamos dende o BNG para apoiar e incentivar a compra do produto local feito en Galiza”, explicou Rodil.

Esta dinámica conforma un xeito de consumo responsábel, que dinamiza a economía local e ademais é respectuosa co medio ambiente. Por isto, o BNG aposta por incentivar a compra de produtores locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e tradicionais, a promoción alternativa e ecolóxica ou a promoción de axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.

Por outra banda, o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, destacou que “comprar no comercio local impulsa a economía da comunidade, xera empregos e fomenta a variedade de produtos e de servizos, o que contribúe a xerar unha identidade única”. Arroxo tamén quixo facer fincapé nas relacións que se crean entre a persoa vendedora e a compradora: “Promóvense relacións máis próximas e directas, o que a miúdo se traduce nun servizo máis personalizado e de maior calidade”, insistiu o nacionalista.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18446707725525