O BNG presentará iniciativas para mellorar a situación da vivenda no Concello de Lugo e no Parlamento galego

LugoXa
"O barrio da Tinería é un claro exemplo do desleixo da Xunta cun proxecto de rehabilitación do barrio e a construción de vivenda pública", explica Arroxo
BNG-Vivenda-Xunta
22 Jan 2025

Rubén Arroxo, portavoz do BNG en Lugo, deu a coñecer a campaña que o partido levará a cabo para reclamar á Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades en materia de vivenda.

Arroxo, acompañado polas deputadas do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil e Montse Valcárcel, así como por concelleiros e concelleiras do BNG en Lugo, fixo a presentación no barrio da Tinería, un claro exemplo, segundo o portavoz, "do desleixo da Xunta cun proxecto de rehabilitación do barrio e a construción de vivenda pública".

Nos próximos meses, o BNG organizará diversas accións, tanto en espazos públicos como a través das redes sociais, co fin de dar a coñecer á cidadanía as súas propostas para mellorar a situación da vivenda na cidade e garantir o acceso a unha "vivenda digna como dereito universal para toda a veciñanza".

Así mesmo, Arroxo anunciou que o BNG presentará iniciativas tanto no Concello de Lugo como no Parlamento galego sobre esta problemática. O portavoz tamén afirmou que "o PP agora está a prometer o traballo que non fixo nos últimos 15 anos. A realidade é que desde 2009 estamos a presenciar retrocesos neste ámbito".

A proposta do BNG articúlase en tres grandes liñas de actuación: a ampliación do parque público de vivenda, asegurando a perpetuidade na cualificación de toda a vivenda protexida; a intervención no mercado libre para limitar o prezo do alugueiro; e a creación dunha rede de protección social que asegure que ninguén quede sen un lugar onde vivir.

Rubén Arroxo subliñou a importancia de rematar a rehabilitación do barrio da Tinería en Lugo, destacando que o plan de rehabilitación iniciado en 2005, cando o BNG estaba á fronte da Consellería de Vivenda, foi paralizado polo PP e debe ser continuado.

0.17209386825562