O BNG presentará unha moción para demandar actuacións provisionais que restauren o firme da N-540
O grupo provincial do BNG presentará no vindeiro pleno do 27 de febreiro unha moción para reclamar ao Goberno do Estado que intensifique os labores de mantemento na N-540 e que tramite polo procedemento de urxencia a reforma integral desta vía que comunica as cidades de Lugo e Ourense.
A formación nacionalista considera que a licitación da reforma, cun prazo de execución de 36 meses, supón un horizonte inasumible dado o estado da vía, que provoca incidencias máis ou menos graves a diario, prexudicando gravemente a veciñanza e o tecido socioeconómico das comarcas do sur da provincia.
A moción concreta que "non é suficiente con incrementar o número de sinais de perigo que avisan do firme en mal estado, xa que este tipo de actuacións non evita o incremento de incidencias coas rodas, cos parabrisas e incluso accidentes de tráfico, e demanda actuacións provisionais que restauren o firme nas zonas máis danadas, en tanto non se executa a reforma definitiva".