O BNG presentará unha moción para solicitar a ampliación da moratoria das plantacións de eucalipto

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A deputada Montserrat Valcárcel advertiu das graves consecuencias ambientais derivadas da expansión descontrolada do eucalipto
ampliación-da-moratoria-das-plantacións-de-eucalipto-BNG-Lugo
29 Nov 2024

O Bloque Nacionalista Galego presentará unha moción no pleno do Parlamento galego para solicitar a ampliación da moratoria das plantacións de eucalipto, actualmente vixente ata 2025, propoñendo que esta se estenda ata o 2030.

Esta decisión foi anunciada pola deputada Montserrat Valcárcel tras reunirse con representantes do Sindicato Labrego Galego, a Federación Rural Galega (FRUGA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). O obxectivo do encontro foi dar a coñecer e consensuar a proposta que o BNG defenderá na Cámara galega.

A deputada nacionalista considera que esta ampliación é unha medida esencial para frear o impacto ambiental e social do monocultivo de eucalipto, que na actualidade ocupa máis de 413.000 hectáreas, superando amplamente o límite de 245.000 hectáreas establecido polo Plan Forestal Galego de 1992. Segundo Valcárcel, esta acción debe ser a “gran panca de cambio” cara a unha nova política forestal que promova un uso multifuncional do monte galego e fomente unha industria forestal sostible, diversificada e respectuosa coa biodiversidade e os recursos naturais.

Durante a xuntanza, Montserrat Valcárcel advertiu das graves consecuencias ambientais derivadas da expansión descontrolada do eucalipto, como a degradación do solo, o incremento do risco de incendios forestais e a perda de biodiversidade. “A presenza desta especie en Galiza representa máis do 54 % do total estatal e case o 28 % do conxunto europeo, superando incluso a extensión de países tradicionalmente produtores como Chile, Uruguai ou Nova Zelandia”, explicou.

A moción do BNG tamén incluirá a implantación de medidas complementarias, como a redución progresiva das plantacións ilegais en zonas de especial protección –incluíndo áreas agrarias, zonas fluviais, costas e patrimonios culturais– e a reconversión de terreos forestais para usos máis sostibles e produtivos.

Valcárcel subliñou a importancia de actuar con celeridade para evitar un novo “efecto chamada”, como o rexistrado en 2021, cando se multiplicaron as plantacións ilegais ante o anuncio da moratoria. Ademais, reivindicou “a necesidade de que a Xunta de Galiza lidere este cambio forestal, contando co apoio das asociacións de produtores, a industria e a sociedade en xeral”.

Para o BNG, a ampliación da moratoria e a aplicación de políticas forestais activas e sostibles son cruciais para preservar os ecosistemas galegos, frear a destrución dos montes e garantir un futuro máis equilibrado e respectuoso co medio natural.

0.16260600090027