O BNG presentou unha enmenda que pretende "dar unha resposta á falta de superficie para a produción"

LugoXa
A deputada nacionalista explicou que con esta emenda “preténdese chamar a atención sobre a falta de terra agraria cara a garantir a dispoñibilidade de terreos para o sector gandeiro ou o cultivo"
BNG-A-Fonsagrada
2 Dec 2024

O BNG da Fonsagrada, a través da deputada Montse Valcárcel, presentou emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2025. Unha destas emendas fai referencia a recuperación de terra agrogandeira.

A deputada do BNG por Lugo, Montse Valcárcel, visitou unha explotación gandeira na Fonsagrada, onde explicou o motivo polo cal se presenta esta emenda. Unha emenda que pretende "dar unha resposta á falta de superficie para a produción, e garantir o mantemento dos terreos rurais".

"En Galicia temos unha Lei de recuperación de terra agraria que ten como obxectivo loitar contra o abandono e infrautilización das terras e facilitar unha base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, mais atopámonos que esta lei é só en papel, pois este modelo o único que permite é que cada vez máis teñamos plantacións de eucaliptos por todo o país", critica.

A deputada nacionalista explicou que con esta emenda “preténdese chamar a atención sobre a falta de terra agraria cara a garantir a dispoñibilidade de terreos para o sector gandeiro ou o cultivo, optimizando os recursos das distintas explotacións para garantir a súa viabilidade”.

Tamén se pretende apoiar aos produtores e produtoras, con medidas como a mobilización de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil para facilitar o uso agrogandeiro das que están abandonadas.

“Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta de relevo xeracional nas explotacións son as consecuencias da política agraria que esta levando a cabo o goberno da Xunta” denunciou Valcárcel. Terras que no pasado tiñan uso agrícola, que eran aptas para o cultivo forraxeiro e alimentar, “hoxe están plantadas con eucalipto, moitas de xeito ilegal sen que a Xunta faga cumprir a lei” concluíu Montse Valcárcel.

0.17074394226074