O BNG de Outeiro de Rei presentou unha moción con propostas para fomentar o uso do galego na mocidade

LugoXa | TerraChaXa
Foi rexeitada polo equipo de Goberno o que consideran "unha estratexia consciente de silenciar propostas incómodas"
bng-pleno-outeiro-de-rei
22 Dec 2025

O pleno municipal do concello de Outeiro de Rei celebrou este luns o debate dunha moción do BNG de Outeiro que levaba oito convocatorias tentando ser incluída na orde do día, "sen éxito por mor do bloqueo reiterado do goberno local do Partido Popular. Só neste pleno, tras meses de dilacións inxustificadas, a iniciativa puido finalmente ser debatida", explicaron os nacionalistas.

"Porén, o Partido Popular volveu amosar a súa falta de vontade política ao votar en contra da moción, impedindo a súa aprobación e pechando a porta a un debate sereno e necesario sobre unha cuestión de interese público e de dereitos", dixeron.

Desde o grupo nacionalista Miguel Vieito, portavoz municipal denuncia “que esta forma de actuar evidencia unha estratexia consciente de silenciar propostas incómodas, atrasando deliberadamente o seu debate e baleirando de contido o funcionamento democrático do pleno. Non é un feito puntual: son oito intentos reiterados de impedir que esta moción chegase ao pleno, e cando por fin se debate, o PP vota en contra sen ofrecer alternativas nin argumentos de fondo.

Dende o BNG de Outeiro consideran "especialmente grave que se utilicen as maiorías absolutas para frear o debate político, en lugar de garantir a pluralidade, a transparencia e o respecto ás iniciativas presentadas polos grupos municipais".

Nesta moción o BNG de Outeiro de Rei instaba ao goberno municipal a que se adherira a unha serie de iniciativas que están xa postas en marcha pola Xunta de Galicia "pero que este goberno municipal non considera importantes, como por exemplo: adherise á Asociación de Entidades Locais pola lingua galega, á Restauración da memoria lingüística de Galicia, á iniciativa Modo galego, actívao da Real Academia Galega, como se pode comprobar son iniciativas que non levan consigo ningún custe por parte do goberno municipal pero ao que o alcalde non considera importantes nin tan sequera vai ter en conta".

"Desde o BNG queremos deixar claro que o galego ten futuro, pero ese futuro depende da vontade colectiva da nosa sociedade, comezando polas administracións públicas, que deben ser as primeiras en asumir o compromiso coa normalización do idioma", afirmou Vieito.

O BNG de Outeiro de Rei anima a toda a veciñanza a sumar esforzos e compromiso para garantir que o galego siga vivo, presente e transmitido ás xeracións futuras, como parte fundamental da nosa identidade colectiva.

"Non podemos permitir que o noso idioma siga perdendo falantes mentres o goberno municipal permanece impasíbel. É hora de actuar con valentía e determinación", concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.066056966781616