O BNG propón no Congreso a restauración e posta en valor da Ponte de Cruzul de Becerreá
O Bloque Nacionalista Galego da man do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, impulsará a través das emendas dos orzamentos do Estado para o 2023 a restauración e posta en valor da Ponte de Cruzul.
Esta construción de enxeñaría civil datada do século XVIII, de estilo neoclásica e paso do Camiño Real, é única nas comarcas de Lugo, ademais de ser un dos símbolos de identidade de Becerreá e da comarca dos Ancares. Na actualidade, atópase nun claro estado de deterioro, invadido pola maleza e a vexetación pola falta de conservación.
A concelleira do BNG en Becerreá, Sabela Pérez, sinalou “no BNG continuamos traballando pola recuperación da Ponte de Cruzul, a súa posta en valor e recuperación son medidas imprescindíbeis para garantir o sostenemento deste elemento histórico”
A este respecto, Sabela Pérez destacou que esta iniciativa súmase ao traballo desenvolto polo BNG no Congreso e no Parlamento galego para o recoñecemento a singularidade desta construción “impulsamos iniciativas para que esta construción sexa declarada como Ben de Interese Cultural, para recoñecer o seu valor histórico e asegurar o seu mantemento; mais até agora nin o Goberno galego nin o do Estado non fixeron nada, por isto continuamos traballando para acadar melloras e a distinción que merece a Ponte de Cruzul”