O BNG propón un novo aparcadoiro público en Fontiñas para máis de 100 prazas

LugoXa
A iniciativa pretende ordenar un espazo usado de forma desordenada e mellorar a imaxe urbana da zona xunto ao Camiño de Santiago
proposta-aparcadoiro-Fontiñas
28 Oct 2025

O BNG de Lugo presentou a proposta que se levará ao Parlamento Galego como emenda aos Orzamentos da Xunta do ano 2026 para crear un novo aparcadoiro público no barrio de Fontiñas.

A proposta sitúa este novo estacionamento na unión da rúa Primavera, o Carril das Hortas e o Carril das Flores, “un espazo que actualmente se emprega de maneira desordenada como estacionamento e que con esta proposta se convertería nun espazo útil para a veciñanza, dando continuidade á renovación do Carril das Flores que vai executar o Concello de Lugo nos vindeiros meses”, explicou Rubén Arroxo.

O proxecto contempla a posibilidade de construír un aparcadoiro de dúas alturas, aproveitando o desnivel existente entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas, o que permitiría optimizar o uso do espazo e ofrecer preto de cen novas prazas de estacionamento. Ademais, o deseño buscaría mellorar a imaxe urbana desta área situada xunto ao Camiño de Santiago, cunha estética integrada en espazos verdes e coherente coa contorna. Esta infraestrutura podería ocupar uns 3.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas, sumando preto de 100 prazas á zona.

Arroxo recordou que “hai dous ou tres anos a Xunta anunciara que construiría un novo aparcadoiro en cada cidade, e fíxoo nunha zona con menos necesidade de estacionamento que Fontiñas”. O edil destacou que ampliar o estacionamento nesta área conta co consenso de todos os grupos políticos do Concello, “non como o aparcadoiro construído pola Xunta na avenida de Breogán”.

Rubén Arroxo subliñou que a actuación podería levarse a cabo mediante os mesmos instrumentos que utilizou a Xunta para executar o aparcadoiro da avenida Breogán, declarando o proxecto de interese autonómico. “Se a Xunta quere, pode facelo tamén aquí, porque dispón da lexislación necesaria para intervir neste tipo de solos”, afirmou, apoiándose en dúas infografías do deseñador lucense Andrés Armesto.

“Facemos unha proposta que é o uso máis útil que se lle pode dar a este espazo de Fontiñas”, asegurou Arroxo, que engadiu que se trata dun barrio cunha densidade de poboación moi alta e que precisa espazos para estacionar.

⚙ Configurar cookies
0.071846961975098