O BNG reclama á Xunta que manteña a atención sanitaria en Nadela
Veciños e veciñas informaron de que levan xa máis de 2 meses sen medios no seu Centro de Saúde, que están derivando ao centro de Fingoi.
O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que presentará unha moción ao Pleno Municipal e ao Parlamento de Galicia para denunciar o desmantelamento do Centro de Saúde de Nadela. "Veciños e veciñas informaron de que levan xa máis de 2 meses sen medios no seu Centro de Saúde, que están derivando ao centro de Fingoi”, declarou Arroxo. Desde o BNG afirman que esta decisión vai mermar a calidade da atención primaria, ademais de obrigar á poboación, en moitos casos maior e con dificultades para se mover, a desprazarse de maneira innecesaria.
“Un ano máis, coincidindo coas vacacións do persoal do centro, a zona sur de Lugo perde novamente a atención sanitaria no centro de saúde máis próximo, mentres continúa a preocupar o peche definitivo da instalación entre a veciñanza”, indicou o Tenente Alcalde.
O BNG insta á Xunta de Galiza a garantir a atención sanitaria no Centro de Saúde de Nadela á veciñanza das parroquias do sur de Lugo, cubrindo as distintas prazas libres no Centro de Saúde e garantindo a substitución do persoal durante as vacacións.
A atención primaria “é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta”, aclarou Arroxo.
Con isto, insistiu, "a Xunta de Galiza pretende pechar o centro nun proceso de desmantelamento da sanidade pública”, que indicou tamén que “dende a xubilización do anterior médico titular, a veciñanza pasou de contar con atención diaria no seu centro a poder pedir cita só durante dous días á semana”.