O BNG reclama á Xunta que solucione o apagado do alumeado da Muralla

O BNG levou a cabo unha acción reivindicativa no adarve da Muralla para esixir á Xunta de Galiza que asegure o correcto funcionamento do alumeado ornamental do monumento.
Durante o acto, Rubén Arroxo lembrou que, coincidindo coa celebración do 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, continúan apagadas 106 luminarias no paseo superior, pese ao uso nocturno que moitas persoas fan deste espazo.
Nun ton irónico, a formación nacionalista propuxo á Xunta que recorra á colocación de candeas se non é quen de restablecer a iluminación durante unha semana tan simbólica para a cidade. Arroxo subliñou que este servizo debe manterse operativo todo o ano, pero incidiu en que, nesta ocasión, o problema resulta especialmente grave pola conmemoración da efeméride.
O portavoz municipal do BNG destacou que a Muralla é un elemento histórico único, a única estrutura romana completa que se conserva, e salientou que require un coidado permanente por ser tamén un recurso cultural e turístico de primeira orde. “Lugo está a facer un esforzo por potenciar o seu principal monumento, mentres que a Xunta, responsable do seu mantemento, continúa desatendendo o alumeado”, afirmou.
Arroxo engadiu que esta situación supón “un novo exemplo da discriminación da Xunta cara a Lugo”, citando tamén o escaso apoio aos orzamentos da cidade e a limitada colaboración do Goberno galego coas festas do San Froilán, outro dos acontecementos máis relevantes do municipio.
CONTESTACIÓN DA XUNTA
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asegurou que se están a renovar as luminarias da Muralla que non funcionan correctamente, tanto polo seu propio uso como a consecuencia de actos vandálicos, como se fai de xeito habitual dentro das labores de mantemento e conservación do Monumento.
Explicou, ademais, que nos últimos días se tivo constancia de posibles fallos no cadro eléctrico que se comparte co Concello, que puideron provocar que as lámpadas dalgún tramo do adarve permanecesen apagadas nalgún momento.
Arias reiterou o compromiso da Xunta co mantemento da Muralla e instou ao goberno local a reforzar tamén as tarefas de vixilancia na contorna “para evitar que se repitan os actos vandálicos que provocan danos habituais no sistema de alumeado”.