O BNG reclama á Xunta solucións urxentes tras o derrubamento parcial no CEIP As Mercedes de Lugo

LugoXa
Montse Valcárcel critica a falta de avances nas obras e denuncia o déficit de accesibilidade nos centros escolares da cidade
BNG-visita-As-Mercedes-Lugo
5 Sep 2025

A deputada do BNG no Parlamento de Galicia Montse Valcárcel e a concelleira nacionalista en Lugo, Iria Buide, visitaron a contorna do CEIP As Mercedes, que no pasado mes de xuño sufriu un derrubamento parcial do teito.

Durante a visita, Valcárcel compartiu con representantes da comunidade educativa a súa “fonda preocupación” polo escaso avance das obras ao longo do verán e reclamou á Xunta máxima celeridade para que o espazo poida volver ser utilizado en condicións plenas de seguridade.

A parlamentaria anunciou que o BNG trasladará a situación ao Parlamento galego, advertindo de que se trata de “obras que se prevén moi estendidas no tempo”. Nese sentido, defendeu que para evitar episodios como este resulta imprescindible que a Xunta elabore un plan de mantemento e rehabilitación dos centros educativos da cidade, lembrando que son competencia autonómica.

Valcárcel tamén puxo o foco no grave déficit de accesibilidade que presentan a maioría dos colexios públicos de Lugo, unha situación que cualificou de barreira para alumnado e profesorado con mobilidade reducida. “A Xunta mantén sen adaptar moitos destes espazos, e nin sequera acomete melloras básicas como a actualización dos baños para seren seguros, accesibles e inclusivos”, denunciou.

A deputada concluíu reclamando actuacións urxentes: “É preciso actuar xa para garantir a seguridade do alumnado e do persoal docente; non se pode seguir permitindo que os centros educativos públicos sufran deterioros que poñan en perigo ás persoas usuarias”.

⚙ Configurar cookies
0.17136788368225