O BNG reclama ao Estado o arranxo urxente da antiga N-VI ao seu paso por Becerreá

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou que rexistrará unha iniciativa parlamentar para reclamar ao Goberno do Estado o arranxo integral da antiga N-VI ao seu paso polo concello de Becerreá, unha vía que presenta un deterioro alarmante, con tramos nos que o asfaltado está completamente levantado, fochancas profundas e cunetas en mal estado.
Durante unha visita recente á zona, os concelleiros do BNG en Becerreá, Martín Gómez e Ovidio Montaña, acompañados por veciños e polo propio deputado, comprobaron de primeira man o estado de abandono que sofre esta estrada.
O treito afectado, duns oito quilómetros, dá servizo diario a varias aldeas —Morcelle, Horta, Cruzul, Guillén, Ousón, Cormes, Agueira, Cela, Torallo e Ferrería— e constitúe unha das principais conexións internas do municipio, esencial para que a veciñanza poida desprazarse cara á A-6 ou ao centro de Becerreá. Porén, o abandono por parte do Ministerio de Transportes, que mantén a titularidade e competencia sobre este tramo, converteu esta estrada nun perigo constante para a seguridade viaria e nun novo exemplo da discriminación que sofre o interior de Galicia en materia de infraestruturas.
“A vella N-VI é unha das mostras máis evidentes da desidia do Estado co noso país. Mentres se destinan millóns de euros a grandes infraestruturas nas áreas metropolitanas, as vías que vertebran o rural galego fican esquecidas, cheas de buratos e sen un mantemento digno”, denunciou o concelleiro nacionalista Martín Gómez.
"UNHA DAS ARTERIAS PRINCIPAIS ENTRE LUGO E A CORUÑA"
Néstor Rego lembrou que esta estrada, que durante décadas foi unha das arterias principais da comunicación entre Lugo e A Coruña, segue a ser unha vía de servizo importante para os desprazamentos da veciñanza dos núcleos situados ao seu carón. “É intolerábel que o Ministerio de Transportes se desentenda dunha infraestrutura que continúa a ser vital para centos de veciños e veciñas. Non estamos a falar dun luxo, senón dunha necesidade básica: poder circular con seguridade”, afirmou o deputado.
O BNG trasladará ao Congreso unha pregunta escrita e unha proposición non de lei para que o Goberno explique cales son as previsións de mantemento e mellora da antiga N-VI en todos os tramos de titularidade estatal, especialmente no que atravesa o concello, e para que adopte medidas inmediatas de reparación do firme e limpeza das marxes.
“As persoas que viven nas aldeas que dependen desta estrada levan anos denunciando o seu mal estado, e con razón. Non podemos aceptar que o rural galego sexa tratado como territorio de segunda categoría”, subliñou Gómez.
O Bloque Nacionalista Galego advertiu que a política de infraestruturas do Estado continúa centrada nunha visión radial e centralista que deixa fóra as necesidades da Galicia interior. “Non é só unha cuestión de asfalto, é unha cuestión de dereitos. Se o Estado non garante unhas comunicacións dignas, está condenando o noso rural ao illamento e á despoboación”, engadiu o concelleiro.
O BNG lembrou, ademais, que o mantemento da rede de estradas de titularidade estatal en Galicia é notoriamente inferior ao doutros territorios do Estado, o que se traduce en fochancas, bordos erosionados e ausencia de reparacións sistemáticas. Segundo denunciou Rego, “o Ministerio actúa como se Galicia rematase nas autovías, pero esquecen que as persoas viven nas aldeas e necesitan estradas seguras”.
O deputado nacionalista subliñou que o BNG continuará levando ao Congreso as reivindicacións concretas da veciñanza galega, que non poden ser ignoradas pola administración central. “O noso compromiso é que cada denuncia veciñal, cada estrada abandonada e cada servizo recortado teña voz en Madrid. Exiximos ao Ministerio unha actuación inmediata e con garantías”, concluíu.