O BNG reclama ao PP que investigue a militancia da persoa que ameazou a Rubén Arroxo
O Responsábel Local do BNG, Felipe Rivas, reclamou ao PP que inicie un proceso interno para investigar a posible militancia no partido da persoa que verteu ameazas contra Rubén Arroxo nas redes sociais. Felipe Rivas explicou que “nos últimos días os medios de comunicación publicaron que a persoa que verteu ameazas contra o portavoz do BNG é militante do PP”.
O BNG considera que de non tomar medidas por parte do PP de Lugo, debería ser o PP a nivel galego quen se encargue de realizar os procedementos internos correspondentes. O BNG de Lugo pide a intervención do presidente do PP de Galiza en caso de non intervir a presidenta provincial do PP, Elena Candia, “que debería ser quen tomase cartas neste asunto”, afirmou Felipe Rivas.
Para Felipe Rivas, “persoas con este tipo de actitudes non poden formar parte de organizacións políticas que din defender a democracia”. O concelleiro e responsábel local do BNG afirmou que “o PP debe facer unha investigación e iniciar os procedementos sancionadores correspondentes, no caso de verificarse esta información”.
As ameazas realizáronse en forma de comentarios no perfil dunha rede social correspondente a un concelleiro do Partido Popular. Este usuario, noutras ocasións, ten compartido nas redes sociais comentarios en contra de outras organizacións políticas, e a favor do exército ou da ditadura de Francisco Franco.