O BNG reclama un calendario "con prazos" para a recuperación do viaduto da A6

LugoXa
O BNG reclama nas diferentes institucións implicadas unha solución “urxente e rigurosa” para o viaducto da A-6
Viaduto A6   1 (1)
17 Xuño 2022

Representantes institucionais do BNG dos distintos concellos afectados polo derrubamento do viaducto da A-6 desprazáronse ata a zona afectada para coñecer in situ o estado desta infraestrutura tralo colapso que provocou o seu derrubamento a pasada semana.

A portavoz do BNG na Deputación Provincial de Lugo, Maite Ferreiro, declarou que “de cara ao vindeiro pleno presentamos unha moción na que reclamamos ao goberno do estado unha solución urxente e rigurosa para o treito afectado, ao mesmo tempo que solicitamos que actúen no trazado alternativo para garantir a seguridade viaria”.

A proposta do BNG na Deputación de Lugo únese ás distintas propostas realizadas pola organización nacionalista nas distintas administracións, onde tamén se reclama, por parte do Goberno do Estado, unha investigación transparente e independente que permita coñecer as causas do sinistro e dirimir responsabilidades.

Precisamente, os nacionalistas foron testemuñas do novo derrubamento da ponte que ocorría onte en torno ás 18.45 horas e do que daba conta en Twitter, o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, tamén presente nesta xuntanza.

“A A-6 é unha infraestrutura clave para Galiza que está sendo tratada como un asunto menor por parte do goberno do Estado”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “se isto acontecese noutras zonas, xa teriamos prazos de recuperación da infraestrutura”.

Entre as distintas propostas do BNG inclúese unha auditoría da totalidade da A-6, para o que se solicitou xa no Congreso a comparecencia da Ministra de Transportes. Maite Ferreiro explicou que “vemos necesario coñecer as causas deste derrubamento e coñecer o estado xeral de todo o trazado da A-6 para garantir aos centos de persoas que día a día circulan por esta infraestrutura que todo o percorrido é seguro”.

0.19950079917908