O BNG reclama investimentos da Xunta durante a concentración na Tinería

LugoXa
O BNG reclama durante a súa concentración celebrada onte máis investimentos da Xunta de Galicia no barrio da Tinería
BNG concentración Tineria
12 Nov 2022

O candidato do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que “o BNG é o motor de Lugo” na concentración convocada para reclamar investimentos por parte da Xunta de Galicia. Arroxo explicou que “os anuncios que se viron por parte do Partido Popular nos últimos días demostran que para o PP a tinería non é prioritaria, só se anuncian actuacións cando o BNG mobiliza á veciñanza para reclamar que remate a parálise que este barrio leva anos sufrindo”.

“O 90% dos investimentos do barrio da Tinería executáronse nos anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno, con máis de 20 millóns de euros investidos no barrio”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “desde o 2001, os distintos gobernos do PP executaron en 18 anos menos do 10% do total”. “Toda a veciñanza de Lugo pode ver como o barrio da Tinería leva igual desde o 2009, mentres que o BNG conseguiu un recoñecemento da ONU para o proxecto de renovación deste barrio, o PP déixanos un pazo que data de hai máis de 1.000 anos apuntalado”.

Arroxo afirmou que “a recuperación da UI-8, na que se ubica o Pazo de Dona Urraca, estaba adxudicada a comezos de 2009”, e engadiu “ao chegar o PP ao goberno galego, renunciaron á execución e tiveron que indemnizar á empresa adxudicataria das obras”. Arroxo afirmou que “anunciar un convenio 13 anos despois é rirse das e dos lucenses, se o PP seguira investindo na recuperación da Tinería do mesmo xeito que fixo o BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego, hoxe este barrio sería un modelo para Lugo”. Arroxo lamentou que “o PP considere positiva hoxe a sinatura dun convenio cando esta zona da cidade podía estar totalmente rehabilitada”.

“Durante os últimos anos, desde o BNG impulsamos emendas aos orzamentos da Xunta reclamando que se retomara este proxecto”, lembrou Rubén Arroxo, que engadiu “Lugo non pode agardar mais, o barrio da Tinería está chamado a ser unha das zonas máis importantes da cidade, mais vemos como 13 anos despois continúa en ruínas”

 Proxecto de rehabilitación da Tinería

O proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego foi recoñecido do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas no ano 2008. Valorouse o proxecto de recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, xunto coa rehabilitación e rehabitación dun barrio a carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

As excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7, onde se atoparon fornos, paralizáronse coa chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta. Actualmente, o espazo dos fornos está valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade, unha zona que podería ser un centro de investigación e un polo de atracción de visitantes para a cidade.

0.1717209815979