O BNG reclama pola eliminación da liña Lugo-Ourense-Vigo das 6 da mañá
O portavoz de mobilidade do BNG, Paulo Ríos, (Kai) formulou unha pregunta ao goberno sobre a eliminación da liña XG623 Lugo-Ourense-Vigo, ás 6 da mañá, utilizada por traballadores e traballadoras da cidade de Lugo e das vilas que cubre o servizo.
Tras a intervención do director xeral de mobilidade, Ignacio Maestre, o parlamentario do BNG lamentou que o goberno persista en priorizar o servizo do AVE fronte un transporte público eficiente e sustentable en función das necesidades das áreas con dificultades na súa comunicación.
O transporte público, afirmou resulta “vital” para os desprazamentos por estrada e o Plan Estratéxico de Transporte Público de Galicia establece como obxectivo primordial, facilitar a mobilidade das persoas en termos de “igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sostibilidade económico-financeira e medioambiental”, ademais de fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público, en calquera dos seus modos.
O nacionalista explicou que a xustificación para eliminar o servizo das 6 da mañá, foi a baixa demanda froito da pandemia e xeralización do teletraballo pero na actualidade, puntualizou o deputado do BNG, o teletraballo xa non é norma para os traballadores e traballadoras e a liña continúa presente no directorio web ligado á Xunta de Galicia, a pesar da súa eliminación.
Por outro lado, reiterou que a empresa Monbús incumpre o acordado coa Xunta de Galiza “sen que o goberno penalice este proceder”.
O deputado recalcou as “irregularidades” da empresa de transporte Monbús e asegurou que a Xunta non pode aceptar que os vehículos ofertados para a concesión non se correspondan cos utilizados posteriormente para os servizos.
Ademais, dixo, a mocidade denuncia continuamente parte destas irregularidades nas redes sociais entre as que destacan: “autobuses que non chegan, horarios que non se cumpren e o deterioro dos vehículos”. Por outra parte, engadiu, o portal web “non está actualizado” no que atinxe a horarios, secuencias, cambios e modificacións”
O nacionalista lamentou que o director xeral de Mobilidade confirmara que non será restituída a liña das 6 da mañá e afirmou que se Renfe non conecta o AVE a primeira hora da mañá será en “detrimento das persoas que utilizan o servizo nesta franxa horaria”. Paulo Ríos urxiu á Xunta a exixir a Renfe que garanta as conexións ou ben crear un novo horario para cubrir esa necesidade e non modificar de maneira unilateral un servizo das 6 da mañá ás 5 da mañá.
“O AVE debe estar ben conectado pero non prexudicando aos usuarios e usuarias que utilizaban o transporte ás 6 da mañá”, concluíu.