O BNG reclama un cambio nas políticas forestais da Xunta tras apoiar as concentracións contra os lumes

O BNG de Lugo sumouse ás concentracións celebradas en distintos puntos de Galicia para esixir un cambio nas políticas forestais da Xunta ante os incendios que cada verán afectan ao territorio.
O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por cargos orgánicos, representantes institucionais e militantes da formación, participou na mobilización que tivo lugar na cidade amurallada, onde advertiu de que “o modelo actual é un fracaso absoluto”.
Arroxo subliñou a necesidade de apostar por “un monte vivo e con futuro, sustentado en iniciativas que permitan previr os lumes e garantir un aproveitamento racional e sostible do noso territorio”. O dirixente nacionalista avanzou que o BNG continuará apoiando as mobilizacións convocadas para esixir “un cambio de rumbo inmediato que protexa os nosos montes, o medio ambiente e o futuro das vilas e aldeas galegas”.
Entre as medidas defendidas pola formación atópanse actuacións extraordinarias a curto e medio prazo, como a creación dun fondo para reparar infraestruturas, indemnizacións a particulares pola perda de bens como vivendas ou vehículos, axudas económicas a explotacións forestais, agrícolas e gandeiras afectadas, así como a recuperación ambiental das zonas queimadas.
Ademais, o BNG reclama unha política integral preventiva con maior investimento en accións sobre o territorio, como faixas de protección, cortalumes naturais ou pasteiros para o gando, xunto cunha planificación específica nas áreas de maior risco.
A portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu tamén na necesidade de reordenar o territorio para afastar as masas forestais das zonas habitadas e industriais, e impulsar un novo modelo de ordenación forestal que configure un monte multifuncional no que se combinen os aproveitamentos forestais e agrarios.