O BNG reclama unha mellora integral das comunicacións entre Lugo e Ourense

LugoXa | OurenseXa
Segundo explicou Arroxo, a reivindicación baséase na "inexistencia dunha vía rápida" entre Lugo e Ourense e no "mal estado da actual N-540"
BNG-reivindicacións-N-540
13 Mar 2025

Representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) das deputacións de Lugo e Ourense, xunto co portavoz nacionalista na cidade de Lugo, Rubén Arroxo, levaron a cabo unha acción conxunta para reclamar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado unha mellora integral das comunicacións entre ambas cidades.

Segundo explicou Arroxo, a reivindicación baséase na "inexistencia dunha vía rápida" entre Lugo e Ourense e no "mal estado da actual N-450", unha estrada que, segundo denuncian, non responde ás necesidades actuais de mobilidade da zona. O portavoz do BNG destacou que conectar o interior de Galicia resulta fundamental "para vertebrar o territorio, facilitando as relacións entre as distintas poboacións do País".

O BNG lembra que xa hai varias décadas que se deseñou un mapa de estradas para mellorar as comunicacións viarias en Galicia, e que aquel proxecto contemplaba a construción dunha autovía entre Lugo e Ourense. Esta infraestrutura, segundo indican, sería clave para impulsar a relación económica e social entre o Cantábrico, o norte de España, o sur galego e incluso o norte de Portugal.

"Malia o tempo transcorrido e a importancia económica e social da devandita autovía, non está previsto o remate e entrada en funcionamento da infraestrutura, só hai activo un treito de menos de 10 km", criticou Arroxo. O portavoz insistiu en que "é preciso avanzar e mellorar as comunicacións entre Lugo e Ourense, unha necesidade básica para o desenvolvemento económico e social do interior de Galicia".

Desde o BNG esixen que se reactive este proxecto estratéxico e que se priorice nas axendas tanto da Xunta como do Goberno do Estado, para acabar coa histórica discriminación que sofre o interior galego en materia de infraestruturas.

⚙ Configurar cookies
0.18422603607178