O BNG reclamará no Parlamento axudas para o sector agrogandeiro polos efectos da borrasca Kirk

LugoXa | TerraChaXa
Demandan que faga unha valoración global das perdas provocadas e que cree unha mesa de traballo
visita-temporal-kirk-perdas
15 Out 2024

A deputada Montse Valcárcel acompañada da concelleira en Castro de Rei, Olga García, e militantes da localidade visitou unha explotación en San Xiao de Mos afectada polo paso do temporal Kirk.

Segundo explican, o millo é un dos alimentos básicos para a alimentación do gando, polo que a inundación dos campos que tivo lugar polo paso do temporal fixo que as explotacións gandeiras non puideran levar adiante a recollida deste cereal co que leva a aumentar o gasto na compra de pensos e outras forraxes. Así mesmo estas inundacións tamén levan consigo que os terreos inundados non poidan volver sementar a herba o cal produce tamén a diminución de herba para o ensilado. E o terceiro problema que provoca este temporal é a xustificación que os gandeiros precisan facer pola rotación das terras de millo algo obrigatorio para obter os pagos da PAC, e que se non fan vánselle ver recortadas esas axudas.

Montse Valcárcel anunciou que "levaremos ao Parlamento galego unha batería de iniciativas para que se lles axude ao sector agrogandeiro a paliar os custes de non ter nin millo nin herba para o seu gando”. Por iso “demandámoslle á Consellería de Medio Rural que faga unha valoración global das perdas provocadas e que cree unha mesa de traballo cos agricultores das zonas afectadas para analizar a situación e buscar solucións conxuntas a curto e medio prazo”.

A deputada nacionalista continuou dicindo que “reclamamos tamén que a Xunta de Galiza se dirixa ás autoridades estatais e europeas para que se activen fondos de emerxencia que permitan paliar as perdas causadas pola situación meteorolóxica adversa”.

0.060196876525879