O BNG recolle máis de mil sinaturas para reclamar á Xunta un Gran Parque Central no centro de Lugo

LugoXa
A formación nacionalista propón un espazo verde de 27.000 metros cadrados conectado co casco histórico e con paso soterrado para eliminar o tráfico rodado na zona
firmas-parque-Central-Lugo-BNG
11 Jul 2025

O BNG do Concello de Lugo anunciou que xa recolleron máis de mil sinaturas en apoio á creación dun Gran Parque Central no espazo que ocupa actualmente a Estación de Autobuses.

Así o comunicou o portavoz municipal nacionalista, Rubén Arroxo, quen salientou que se trata dunha proposta "seria e avalada pola veciñanza", destinada a impulsar a transformación urbana da cidade cun gran espazo verde de máis de 27.000 metros cadrados.

Segundo detallou Arroxo, o proxecto permitiría integrar os xardíns da Praza da Constitución e conectalos coa Praza de Bretaña e o edificio do Vello Cárcere, configurando un gran pulmón verde dentro do casco histórico e a carón da Muralla.

A proposta inclúe tamén a construción dun paso soterrado para vehículos que una a rúa Dinán coa avenida Anxo López Pérez, o que, segundo o portavoz, “permitirá eliminar na práctica o tráfico rodado nesta zona e gañar un espazo para a cidadanía”.

Ademais, o BNG suxire habilitar unha parada para as liñas de transporte interurbano que necesiten acceder a esta parte da cidade, mantendo o resto da superficie como “o Parque Central de Lugo, unha nova praza verde integrada no centro histórico”.

O Bloque reclama á Xunta de Galiza que asuma a redacción do proxecto contando cun amplo consenso social e político. Arroxo insistiu en que “coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten a oportunidade de demostrar o seu compromiso coa cidade, investindo na súa mellora e modernización”.

⚙ Configurar cookies
0.15245199203491