O BNG reitera o seu apoio á veciñanza de Coeses e pide a paralización definitiva da planta de biometano

O tenente de alcalde do Concello de Lugo e portavoz do BNG, Rubén Arroxo, mantivo un encontro coas veciñas e veciños afectados polo proxecto de planta de biometano proxectado para o monte veciñal de Coeses.
Estivo acompañado pola deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, e por Daniel López Bispo, representante da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
A reunión tivo como obxectivo informar sobre os últimos avances tras a decisión da Xunta de Galicia de denegar a autorización ambiental integrada para o proxecto.
Arroxo celebrou esta decisión, mais advertiu que "o BNG seguirá traballando ata conseguir a paralización definitiva dun proxecto que a Xunta recoñeceu que tiña deficiencias, pero a maior das deficiencias é que o Goberno galego, en mans do PP, o declarase como iniciativa empresarial prioritaria".
O portavoz nacionalista parabenizou á veciñanza pola súa “loita exemplar e sostida no tempo contra a posible instalación da planta”, e salientou que "o BNG sempre estivo e estará ao lado da cidadanía, tanto a nivel institucional como apoiando as diversas mobilizacións que protagonizaron". Ademais, puxo en valor o traballo feito tanto desde o grupo parlamentario como desde o propio goberno municipal de Lugo, do que forma parte o Bloque.
Durante a xuntanza tamén se abordou a nova situación aberta polo recurso presentado pola empresa promotora do proxecto, alegando un suposto incumprimento de prazos por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). Tanto o BNG como ADEGA coincidiron en que "non se pode dar por pechado o conflito" e animaron á veciñanza a manter activas as súas lexítimas reivindicacións ata que o procedemento estea completamente resolto.
Rubén Arroxo advertiu dos riscos que suporía para Coeses a instalación da planta, afirmando que “o impacto dunha infraestrutura destas características preto das vivendas pode ser brutal, e a Xunta de Galicia debe protexer ás persoas e ao medio ambiente”. Por iso, criticou novamente a declaración do proxecto como iniciativa empresarial prioritaria por parte do executivo autonómico.