O BNG reivindica en Becerreá o mantemento das paradas de autobús no rural coa nova Lei de Mobilidade

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, visitou o concello de Becerreá para salientar que a parada de autobús deste municipio se manterá operativa grazas ao traballo realizado polo BNG na tramitación da nova Lei de Mobilidade Sustentábel.
Rego estivo acompañado de representantes municipais e orgánicos da formación nos concellos afectados polo novo mapa concesional do Ministerio, mais que finalmente conservarán as súas paradas: Becerreá, Baralla, O Corgo, Guitiriz, Neira, Palas de Rei e Monterroso.
Durante a visita, o deputado subliñou que o BNG “logrou blindar na lei as paradas de autobús que o Goberno do Estado pretendía eliminar, garantindo o dereito á mobilidade e o acceso aos servizos públicos nas zonas rurais e do interior”. A modificación introducida pola formación nacionalista obriga o Estado a manter as conexións existentes ou, no caso de que a Xunta de Galicia as asuma, a compensala economicamente, evitando que o custo recaia sobre as arcas públicas galegas.
Rego explicou que esta incorporación normativa corrixe o mapa concesional de transporte por estrada inicialmente deseñado polo Ministerio, criticado por deixar sen servizo múltiples puntos do territorio con alternativas de transporte moi limitadas. O deputado destacou que “se evita que amplas zonas de Galicia queden incomunicadas, mantendo as 22 paradas previstas e garantindo que, se a Xunta decide asumir a xestión, non supoña custo algún. Mesmo facilitamos o traballo ao PP no Goberno galego”.
Segundo detallou, máis de 130.000 galegos e galegas poderán seguir accedendo ao transporte público por estrada, asegurando conexións fundamentais para a vida diaria e para a cohesión territorial. Rego concluíu afirmando que este avance “demostra o compromiso do BNG coa defensa dos dereitos da cidadanía galega, coa igualdade territorial e coa loita contra o abandono do rural”, facendo un chamamento a continuar fortalecendo a presenza nacionalista nas institucións para seguir acadando avances “concretos e útiles para Galicia”.