O BNG reivindica en Lugo os avances logrados nas Cortes en infraestruturas, políticas sociais e financiamento

O Bloque Nacionalista Galego mantivo un encontro coa veciñanza de Lugo no que trasladou a súa actividade política nas Cortes do Estado e puxo en valor os resultados obtidos nos últimos anos para mellorar a calidade de vida da cidadanía lucense.
A formación nacionalista salientou tanto os avances en infraestruturas consideradas estratéxicas para a provincia, con especial atención ao ferrocarril e á seguridade viaria, como os logros acadados no ámbito social, entre eles a revalorización das pensións mínimas por riba do IPC e a ampliación dos permisos de paternidade e maternidade. Todo iso, segundo o BNG, fronte á negativa do Partido Popular a apoiar medidas como a quita da débeda.
No acto celebrado na cidade participaron o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a deputada provincial Iria Castro, quen subliñaron o traballo continuado que desenvolven nas Cortes do Estado os representantes do BNG, Néstor Rego e Carme da Silva, defendendo os intereses de Galicia e, en particular, da provincia de Lugo. Desde a organización insistiron en que as forzas estatais actúan condicionadas polas súas direccións en Madrid, chegando mesmo a votar en contra de iniciativas do BNG que terían un impacto directo no benestar da cidadanía lucense, en contraste coa coherencia que, ao seu xuízo, mantén o Bloque na defensa dos intereses galegos.
No ámbito das infraestruturas, Néstor Rego puxo o acento no impulso dado a diferentes proxectos desde a sinatura do primeiro Acordo de Investidura. No eido ferroviario, destacou a modernización, duplicación e electrificación da liña Lugo-Ourense, así como o inicio dos estudos para unha futura conexión entre Lugo e Santiago. Tamén lembrou que a mellora da liña A Coruña-Lugo forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno coa Galicia grazas ao acordo co BNG, ao tempo que se traballa na implantación de novos servizos ferroviarios adaptados á realidade do país. Neste sentido, subliñou a importancia da próxima posta en marcha do tren de proximidade, incluído no acordo de investidura e recollido na Lei de Mobilidade a iniciativa do Bloque.
En materia viaria, o deputado nacionalista referiuse ás actuacións para mellorar a seguridade en puntos especialmente conflitivos da rede de estradas do Estado e ao remate dos viadutos da A-6. Ademais, avanzou que o BNG seguirá presionando para que se conclúa canto antes a A-54 e para que se reactive, dunha vez por todas, o proxecto da autovía que conecte Lugo e Ourense.
Xunto ás infraestruturas, Rego reivindicou os avances sociais impulsados polo BNG, como a suba das pensións mínimas por riba do IPC, aínda que advertiu de que é necesario continuar traballando para acadar o obxectivo de situalas no 60 % do salario medio. Tamén fixo referencia ao incremento dos permisos de paternidade e maternidade ata as 20 semanas, unha medida incluída no acordo de investidura que, aínda sen estar plenamente executada, xa alcanza as 19 semanas.
No plano internacional, o deputado do BNG defendeu a necesidade de priorizar políticas de diálogo e paz nun contexto global complexo e criticou o aumento do gasto en defensa fronte á urxencia de reforzar as políticas sociais. Neste marco, puxo en valor o traballo desenvolvido polo Bloque en relación coa situación en Palestina e as iniciativas presentadas nas Cortes para denunciar e tentar frear o que cualificou como xenocidio cometido polo Estado de Israel contra o pobo palestino.
Por último, Néstor Rego foi especialmente crítico coa postura do Partido Popular respecto da quita da débeda acordada grazas á negociación do BNG. Ao seu entender, a negativa do PP resulta incomprensíbel porque antepón o cálculo partidista ao interese xeral de Galicia, ao rexeitar unha medida que reduce a presión financeira e abre a porta a maiores investimentos en servizos públicos e desenvolvemento. Esta actitude, concluíu, amosa unha falta de compromiso co país e unha preferencia polo ruído político fronte á defensa clara dos intereses da cidadanía galega.