O BNG retoma a campaña 'Lugo quere tren'

LugoXa
O BNG continúa a recollida de sinaturas da campaña 'Lugo quere tren' que reclama a mellora dos servizos ferroviarios para a cidade.
Recollida sinaturas BNG Lugo quere tren
4 May 2022

O Bloque Nacionalista Galego retoma a súa campaña Lugo quere tren!. Unha iniciativa que busca “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de servizos”. Así o afirmou o responsable local da agrupación, Felipe Rivas, quen defendeu a necesidade dos galegos de contar con “conexións interiores útiles”.

O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Felipe Rivas afirmou que “a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

Entre as reclamacións do BNG para Lugo contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes. Este último permitiría a unión por ferrocarril entre Lugo e Santiago de Compostela.
“Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, afirmou Felipe Rivas.

O BNG iniciou a campaña Lugo quere tren! o pasado mes de novembro, cunha concentración. Durante a campaña participaron, nas distintas actividades, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no congreso do estado, Néstor Rego. A formación volverá agora a colocar a mesa de recollida de sinaturas todos os mércores ata final de mes.

0.13143491744995