O BNG reúnese co sector do taxi en Lugo para reclamar seguros "xustos"

O BNG reuniuse con representantes do sector do taxi en Lugo para informar sobre as iniciativas que o partido está a impulsar para instar ao Goberno do Estado a adoptar medidas que garantan ao sector do taxi polizas de seguro "razonables".
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou o incremento "desmesurado e inxustificado" que se está a producir neste tipo de seguros, xa que están pasando de pagar arredor de 800 ou 1.000 euros a afrontar tarifas que poden chegar ata os 10.000 euros, "o que fai inviable a actividade".
Para o BNG, o Goberno estatal debe actuar de inmediato contra esta suba "que está dificultando o traballo dos profesionais do taxi e afectando directamente ás persoas usuarias", polo que insta a que a Dirección Xeral de Seguros interveña para "evitar que as aseguradoras realicen estas prácticas".
Os nacionalistas explicaron que non atopan ningunha xustificación para subir os seguros dos taxis, xa que non houbo un aumento da sinistralidade nin ningunha situación distinta á do ano pasado. Sospeitan que puido haber un pacto entre as aseguradoras ao aplicar a subida de maneira simultánea, "algo que é ilegal, poñendo en risco o sustento de moitas persoas e un servizo público esencial".
Así, solicitan á Administración pública que investigue esta situación "para poñerlle freo" e propoñen diferentes alternativas, xa sexa mediante sancions, establecendo un límite ás tarifas dos seguros de taxi ou a través de cambios na lexislación.
Por outra banda, Javier Vázquez, en representación dos taxistas, advertiu que a situación é "especialmente grave no rural", onde moitas licenzas están a ser paralizadas á espera dun cambio na situación.