O BNG solicita que a TVG emita os partidos do Breogán na ACB

O BNG anunciou que presentará no Parlamento Galego iniciativas para instar á TVG a adquirir os dereitos e emitir os partidos do Río Breogán na ACB. A deputada Olalla Rodil destacou a relevancia do club como embaixador de Galicia e subliñou que a afección polo Breogán non se ve correspondida coa presenza nos medios públicos autonómicos.
Rodil recordou que a TVG só emitiu encontros do Breogán cando o club competiu en Europa na tempada 2023/2024 e criticou o monopolio do mercado de dereitos de emisión deportiva que limita o acceso das televisións públicas máis modestas. En contraste, outras comunidades autonómicas, como Cataluña, Euskadi ou Canarias, están a garantir a emisión de partidos das súas formacións locais.
A deputada subliñou que “o deporte galego e especialmente os clubes que levan o nome de Galicia ao máis alto nivel de competición merecen que os seus medios públicos, os de todas as galegas e galegos, lle dean un tratamento á altura do seu nivel deportivo e da afección”.