O BNG traslada ao novo decano da Avogacía de Lugo a súa proposta para reforzar a xustiza gratuíta

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, mantivo unha xuntanza co novo decano do Colexio da Avogacía de Lugo, Xosé Manuel Fernández Varela, nun encontro no que estivo acompañada polo portavoz e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e polo tamén deputado do BNG Iago Tabarés. Durante a reunión, os representantes nacionalistas felicitaron a Fernández Varela pola súa recente elección como máxima representación das avogadas e avogados lucenses para os vindeiros anos.
No transcurso do encontro, desde o BNG puxeron en valor a súa disposición a colaborar para trasladar ás institucións as problemáticas e reclamacións dos distintos colectivos sociais de Lugo, entre eles o da avogacía. Neste contexto, Montse Valcárcel trasladou a proposta da formación para incrementar o orzamento destinado á xustiza gratuíta, co obxectivo de garantir unhas retribucións xustas ás e aos profesionais que prestan este servizo.
Segundo expuxo a deputada, as estimacións actuais indican que os colexios de avogados perden cada ano máis de 160.000 euros pola prestación da quenda de oficio. Ademais do aumento das partidas orzamentarias, o BNG defende tamén a apertura dunha negociación para aprobar un novo baremo que asegure unha remuneración adecuada para estes traballos.
Xosé Manuel Fernández Varela, nado en Friol no ano 1962, é licenciado en Dereito e diplomado en Avogacía pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1988 e 1995 dirixiu o departamento xurídico do Sindicato Labrego Galego e foi membro fundador de Xustiza e Sociedade de Galiza. Ao longo da súa traxectoria tamén formou parte da Secretaría desta entidade e da Irmandade Xurídica Galega, e foi recoñecido co Premio Pedro González do Consello da Avogacía Galega. En 1989 fundou o bufete Foro Avogados, no que coordina os departamentos de Dereito Civil, Mercantil e Administrativo.