O BNG traslada ao Parlamento as reclamacións veciñais contra a planta de Coeses

LugoXa
A deputada do BNG afirmou que a resolución da CHMS sobre os vertidos de augas "é un primeiro paso para frear esta planta"
alegacións_bng_planta_coeses
11 Xul 2024

O BNG trasladou ao Parlamento Galego a problemática denunciada polas veciñas e veciños afectados pola planta de biometanización proxectada en Lugo. A comisión de Medio Ambiente debateu hoxe unha iniciativa do BNG que busca que os cheiros e as molestias que produza a actividade habitual desta planta formen parte tamén do estudado na avaliación ambiental da mesma, nunha iniciativa defendida pola deputada do BNG Montse Valcárcel que busca "trasladar as reclamacións que as veciñas e veciños das zonas afectadas levan meses denunciando".

Valcárcel afirmou que "é preciso que tanto a empresa como a Xunta estuden os cheiros que producirá o funcionamento desta planta e se valore a afectación que producirá na veciñanza". O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que non se aprobe a instalación desta planta na localización proposta, apostando por buscar un lugar "no que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, mentres que para o BNG é prioritario garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta.

A deputada do BNG afirmou que a resolución da CHMS sobre os vertidos de augas "é un primeiro paso para frear esta planta", e afirmou que "desde o BNG estaremos pendentes dos movementos tanto da empresa promotora como da Xunta de Galiza". O informe da CHMS, segundo aparece recollido nos medios de comunicación, valora os sistemas de tratamento de augas como insuficientes para garantir que non se realicen vertidos contaminantes medio. Unha vez rematado tamén o prazo de alegacións o pasado martes, comeza o prazo para que a Xunta de Galiza emita o seu ditame sobre a valoración ambiental do proxecto.

0.084567785263062