O BNG trasladará ao Parlamento a situación dos GES de Becerreá
O Bloque Nacionalista Galego participou na concentración organizada polas traballadoras e traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Becerreá, os que o goberno municipal está a aplicar un ERE. De aí que Os Ancares quedará sen este servizo de emerxencias, cuxa organización depende da Xunta de Galiza.
Por isto, o BNG levará ao Parlamento galego iniciativas para manter este servizo que cubre unha zona tan extensa como é Ancares, pero tamén como é a da Montaña Oriental, actualmente sen servizo. De igual xeito, esixirá á Xunta de Galiza que tome medidas propias de xestión deste servizo.
A deputada por Lugo no Parlamento galego, Carme Aira, estivo na concentración no que declarou “esta é a política do rural que queren impor, un rural sen servizos, onde vivir nos Ancares sexa un acto heroico”
Carme Aira sinalou que este servizo ten que estar previsto cos medios e actuacións precisas para garantir unha resposta eficaz ante calquera emerxencia “Ancares queda orfo en canto a emerxencias, se agora arde unha casa ou tes un accidente co coche dependerán dos bombeiros de Sarria, o que supón un desprazamento de máis dunha hora”
Neste sentido, a deputada do BNG declarou “esta é a política do Partido Popular na Xunta de Galiza para o rural, sen organización nin unha visión coordinada para o País” ao que subliñou “precisamos servizos públicos que fagan a vida posíbel no rural e con total garantía”