O BNG urxe á Xunta a rehabilitar o colexio As Mercedes tras un novo desprendemento

LugoXa
A concelleira Iria Buide advirte da falta de investimentos e reclama medidas inmediatas para garantir a seguridade do alumnado
BNG-visita-As-Mercedes-Lugo
24 Oct 2025

A concelleira de Educación en Lugo, Iria Buide, reclamou á Xunta de Galicia a realización dunha rehabilitación integral do colexio As Mercedes despois do novo desprendemento acontecido nos últimos días.

A edil do BNG denunciou que “unha vez máis vemos como a Xunta segue a abandonar aos centros, deixando, literalmente, que caian a cachos” e engadiu que “é urxente que a Xunta de Galicia poña en marcha un plan de rehabilitación dos centros educativos da cidade, que son da súa competencia”. Segundo Buide, “este tipo de situacións son consecuencia directa da falta de investimentos en materia educativa por parte da Xunta”.

A concelleira reclamou unha resposta inmediata ante este novo suceso, subliñando que “é preciso actuar con urxencia para garantir a seguridade do alumnado e do persoal docente, non se pode seguir permitindo que os centros educativos públicos sufran este tipo de deterioros que poñan en perigo ás persoas usuarias”. Ademais, insistiu na necesidade dunha rehabilitación integral deste centro, “ante as situacións acontecidas durante todos estes meses”.

Buide comprometeuse a seguir traballando para que a Xunta asuma as súas obrigas e actúe con rapidez ante calquera situación que poida comprometer a seguridade da comunidade educativa. A concelleira afirmou que “seguiremos reclamando desde as distintas institucións que a Xunta garanta que este acontecemento non se volva repetir”.

A XUNTA PIDE "TRANQUILIDADE"

Persoal técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional reuniuse con representantes da comunidade educativa do CEIP As Mercedes, de Lugo, para trasladarlles tranquilidade despois do desprendemento de fragmentos de pintura do teito que, na noite do pasado mércores ao xoves, se rexistrou na aula de Audición e Linguaxe do centro.

Os representantes da Xunta explicaron que a substitución da cuberta do centro educativo freou a entrada de humidade e que desde o pasado luns hai xa unha empresa traballando no colexio para reparar os danos que causaron as filtracións previas, que foron as causantes do desprendemento desta semana.

Informaron ademais de que, despois desta incidencia, procedeuse a revisar de novo todos os teitos do centro, confirmando un técnico o seu bo estado. Os traballos de conservación no CEIP As Mercedes continuarán durante as vindeiras semanas, compatibilizándoos co normal desenvolvemento da actividade escolar.

⚙ Configurar cookies
0.088510036468506