O BNG visitou a sede de OVICA en Lugo e alerta da perda do 50 % do censo de ovellas en Galicia

Unha delegación do BNG formada por representantes do Parlamento galego e do Concello de Lugo desprazouse ata a sede da Organización de Criadores de Ovino e Caprino (OVICA) na cidade luguesa para coñecer de primeira man o labor que desenvolve esta entidade no ámbito da gandería extensiva.
Durante a visita, a deputada Montserrat Valcárcel alertou da grave situación que atravesa o sector, apoiándose nos datos provisionais dos censos gandeiros de 2024 publicados polo Ministerio de Agricultura, que, sumados ás cifras da Xunta de Galicia de 2023, reflicten que en quince anos Galicia perdeu máis do 50 % do censo de ovellas e case o 40 % do de cabras.
Na visita tamén participou o parlamentario nacionalista encargado das cuestións de Medio Rural, quen puxo en valor a importancia estratéxica da gandería ovina e caprina como vía para acoller novos poboadores nas áreas rurais. “Proliferan proxectos tanto preto das cidades como en zonas remotas das montañas do interior, o que amosa o seu potencial dinamizador”, explicou Secundino Fernández. Non obstante, lamentou a escasa oferta formativa especializada, un factor que desanima a moitas persoas interesadas en emprender neste eido e que contribúe á falta de relevo xeracional.
A delegación do BNG puxo o foco na situación de encrucillada na que se atopa o sector, que precisa reverter a súa tendencia negativa para garantir a continuidade dos múltiples servizos ambientais e sociais que ofrece. A gandería extensiva, subliñaron, contribúe á fixación de poboación, á prevención de incendios forestais e permite un aproveitamento sostible de espazos agrarios e forestais ao manter limpas as franxas de vexetación en viñedos, arboredos e zonas próximas ás vivendas.
Montserrat Valcárcel tamén criticou a falta de apoio da Xunta de Galicia, en mans do Partido Popular, ao tecido asociativo vinculado á gandería extensiva. “Contamos con entidades como OVICA que achegan coñecemento á sociedade e prestan servizos fundamentais ás persoas asociadas, mentres a administración autonómica non está a altura das necesidades do sector”, concluíu a parlamentaria.