O BNG volve saír a rúa baixo o lema 'Lugo quere tren!'

LugoXa
O BNG volve saír a rúa para reclamar un tren digno para Lugo o mesmo día que se debaten os orzamentos do Estado
Lugo Quere Tren
23 Nov 2022

O BNG volve saír a rúa para reclamar un tren digno para Lugo. Rubén Arroxo,  portavoz do BNG no Concello de Lugo lembrou na concentración baixo o lema Lugo quere tren! que o BNG non apoiará a proposta de orzamentos do Estado que se están a debater estes días no Congreso dos Deputados. Arroxo afirmou que “durante o debate dos orzamentos é cando as veciñas e veciños de Lugo nos temos que mobilizar e demostrar que precisamos un tren digno e útil”.

A concentración do BNG celebrouse diante da Subdelegación do Goberno, coincidindo nas datas do debate dos orzamentos do estado no Congreso dos Deputados, debate no que o deputado do BNG, Néstor Rego, se absterá no voto do conxunto dos orzamentos, e votará en contra do aumento do investimento en defensa.

O BNG presentou emendas aos orzamentos para “superar o déficit histórico en materia de infraestruturas e garantir que o Goberno do Estado cumpra os seus compromisos con Lugo”. As emendas presentadas polo BNG debateranse e votaranse durante as sesións do Congreso desta semana.

Entre as emendas rexistradas polo BNG destaca a referida á modernización e electrificación da liña ferroviaria Lugo-A Coruña, co fin de mellorar a mobilidade apostando por un transporte sustentable e a conectividade do interior de Galicia coa área atlántica a través do transporte público. Así mesmo, o BNG reclama a creación dunha nova partida para posibilitar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela, enlazando as estacións de Curtis e de Ordes. "Trátase dun treito duns 27 quilómetros de vía, que permitiría conectar de maneira directa a cidade de Lugo coa capital de Galiza”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “actualmente Lugo é a única cidade do País que carece desta conexión ferroviaria" .

0.17729496955872