O Breogán fai historia

LugoXa
Adrián Fernández fala da tempada que está a facer o Río Breogán, e das súas vivencias como seareiro do club lucense
breogan Bilbao 2021
10 Feb 2022

Por Adrián Fernández.

O Río Breogán fai historia clasificándose para a Copa que se disputará en Granada do 17 ao 20 de febreiro.

Aninovo é a vida segue igual, se xa se sabía que o derbi ía ser aprazado polos positivos no equipo de Santiago, quedaba por ver como ía afectar o aumento de contaxios pola covid na poboación e que estaba a afectar tamén ao mundo do deporte en xeral. Moitos partidos aprazados incluído tamén o que nos enfrontaba a  Baskonia, que deixaba no aire como se ía a xestionar o calendario para poder xogar todos os partidos da primeira volta antes do 30 de xaneiro. Aínda por riba, saltaba a sorpresa co anuncio da marcha de Paco Olmos a Burgos, algo que sentou moi mal a todo o breoganismo e que poderiamos pasarnos horas debatendo se está ben ou mal feito, pero supoño que todas as perspectivas son válidas dependendo dos valores de cada persoa; todo o mundo ten asumido a posibilidade de perder a algún xogador pero non estamos afeitos a que se fichen adestradores a outros equipos.

Con este panorama o Breogán enfrontábase a unha semana dura con tres partidos, unha semana decisiva para a clasificación para a Copa na que Javi Muñoz tiña a responsabilidade de manter a concentración do persoal no obxectivo marcado e deixar de lado todo o que non tivese que ver co xogo. O primeiro deles en casa contra o Joventut, no que se empezou moi forte como querendo demostrar desde o principio que o equipo non se viu afectado, pero a verdade é que se viu certo nerviosismo no persoal e os de Badalona souberon aproveitalo e a pesar dun último intento desesperado por remontar, o  Joventut levou o encontro por 87-90.

Tres días despois chegaba Baskonia ao Pazo disposto a pescar en  río revolto, había dúbidas sobre a capacidade do Breogán para recuperarse e poder gañar un partido que os metía cun pé e medio na Copa. Esta vez si se  viu ao equipo de antes e púidose gozar dun partidazo, deses que quedan no recordo polo decisivo que era gañar a un rival directo, ao final vitoria por 89-83 e a ilusión de que só unha sucesión de resultados estraños quitaríanos a praza entre os oito primeiros.

Antes do derbi facíase oficial a contratación de Veljko Mrsic como adestrador, a mala sorte cebaríase outra vez co Breogán xa que este a a súa chegada a Lugo daría positivo en  covid e non só iso, se non que Javier Muñoz tamén e non podería continuar en Santiago co estupendo traballo que estaba a facer co persoal. Oriol Comas sería o encargado de levar ao equipo contra Obradoiro, un derbi un tanto descafeinado pola situación no que o Breogán se viu superado, probablemente acusando o desgaste dos partidos anteriores; nada puido facer ante un rival moi necesitado que o  deu todo e levou a vitoria por 100-83.

Afrontaban a última semana de xaneiro cunha noticia mala e outra boa; a mala, que os contaxios no persoal celeste chegarían a oito casos e suspenderíase o partido en Murcia e a boa, que os resultados nos acompañaban e a clasificación para a Copa era toda unha realidade. Despois da celebración empezábase febreiro xogando en Sevilla ante o colista, o Betis, co partido no aire pola situación do persoal, pero ao final púidose disputar, iso se coa baixas de Mahalbasic e Kacinas. Resultado negativo, derrota por 84 - 81 e máis porque a pesar das baixas púidose gañar perfectamenteantes cun bo debut de Jankovic. Agora só queda o partido de casa contra Valencia Basket o 13 de febreiro antes de vernos en Granada contra o Real Madrid. O sorteo decidiu que nos enfrontemos aos brancos nos cuartos de final e por que non vingarnos da derrota sufrida no Pazo.

Por último e fóra xa do ámbito deportivo, saltaba a pésima noticia do falecemento de Ricardo Hevia todo un símbolo do  breoganismo, o noso máis sentido pésame e  DEP.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18639993667603