O Breogán visibiliza o labor de Accem Lugo a favor dos inmigrantes e refuxiados
O CB Breogán dedicará o partido deste sábado co Palencia a visibilizar a labor da Accem Lugo, centrada na atención e apoio a persoas inmigrantes ou refuxiadas e a vítimas de trata. O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán Tito Díaz, o responsable territorial de Accem en Lugo Daniel Bóveda e a traballadora social da entidade Estefanía Sánchez presentaron a iniciativa, que se desenvolve no marco do acordo de patrocinio entre a institucional provincial e o club celeste.
Na presentación, as tres entidades coincidiron en valorar a dinámica de equipos con deportistas profesionais de distintas nacionalidades, como exemplo de convivencia multicultural . Destacaron tamén que a afección e a práctica deportiva propician a cohesión social.
A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.
Accem Lugo
Accem Lugo é unha ONG especializada no traballo vinculado ao dereito de
asilo e a protección internacional. Lugo conta con equipo interdisciplinar cunha experiencia moi consolidada na atención a este colectivo, integrado por avogados, psicólogos, traballadores sociais, educadores, profesores etc., especialistas preparados para proporcionar a atención e o apoio que as persoas refuxiadas necesitan para poder emprender un novo comezo na sociedade de acollida.
Desde Accem Lugo tamén se traballa na atención e acompañamento das vítimas de trata con fins de explotación sexual e conta cun servizo de asesoramento técnico especializado no ámbito xurídico social a través dos seus programas autonómicos. Así mesmo, é destacable o seu labor na promoción do voluntariado, expresión de solidariedade, participación e
transformación social.