O bus urbano bate récords en Lugo con preto de 200.000 billetes expedidos

LugoXa
O mes de maio de 2024 pechou con 193.523 usuarios, sendo o mellor maio da historia
bus_urbano_lugo
O mes de maio de 2024 pechou con 193.523 usuarios
4 Xuño 2024

O mes de maio de 2024 foi o mellor mes de maio desde que a área de Mobilidade de Lugo garda rexistros de datos dos usuarios do bus urbano. Así o anunciou o tenente alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, que afirmou que "maio bateu o récord con preto de 200.000 billetes expedidos", e engadiu "a tendencia deste ano continúa a ser superar os rexistros, o que demostra que a reformulación das liñas de transporte urbano está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o bus".

O mes de maio de 2024 pechou con 193.523 usuarios, sendo o mellor maio da historia, con 20.000 usuarios máis que en maio do ano 2023. Segundo explicou Rubén Arroxo, "neste momento do ano levamos o maior número de viaxeiros da historia no que vai acumulado en 5 meses". O bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal, que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade.

Coas novas liñas, o HULA gañou conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo antigo non tiñan transporte directo. As transformación do modelo de bus urbano conectou de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. Os barrios aumentaron as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta a  30 minutos de frecuencia.

Nos polígonos do Ceao e das Gándaras aumentáronse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla.

Prezos reducidos

"Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50 %". O Tenente Alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema". Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64 euros a 0.45, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31 euros no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5 euros, cun máximo de 60 euros.

0.20236420631409