O Bus Urbano de Lugo bate récord histórico de usuarios en maio de 2025

No mes de maio de 2025 foron expedidos un total de 206.506 billetes no Bus Urbano, superando en preto de 13.000 billetes a mellor marca histórica rexistrada no mesmo período do ano 2024. Estes datos demostran que o bus urbano consolidouse como o medio de transporte principal para a maioría da veciñanza de Lugo.
Rubén Arroxo destacou que, tras a recuperación da pandemia e coa adaptación das liñas que conectan aproximadamente ao 90 % da poboación lucense, o bus urbano reafirma que é a mellor opción para desprazarse pola cidade.
A área de mobilidade do Concello continúa a impulsar o uso deste servizo, promovéndoo como un medio económico que evita a preocupación de buscar aparcamento.
O Bus Urbano de Lugo é tamén o máis barato de Galicia e o terceiro máis económico de todo o Estado, cun prezo de 0,64 euros por billete ordinario, que baixa a 0,45 euros co uso da Tarxeta Cidadá. Para persoas con mobilidade reducida, pensionistas, desempregados e estudantes, o prezo redúcese a 0,31 euros. Ademais, a Tarxeta Cidadá permite transbordos gratuítos.
Para obter esta tarxeta, a veciñanza debe cubrir un formulario dispoñible na web do Concello ou recollelo nas oficinas municipais do Seminario, pagar a taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca e solicitar cita no 010 para recoller a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do monedeiro ten un importe mínimo de 5 euros e un máximo de 60 euros.