O bus urbano de Lugo marca un novo récord con máis de 200.000 usuarios en novembro

LugoXa
O mes pechou con 207.070 billetes e supera a mellor marca histórica, consolidando o transporte público como opción principal da veciñanza
autobús-urbano-Lugo
4 Dec 2025

O tenente alcalde e responsable do transporte público, Rubén Arroxo, deu a coñecer os datos de uso do bus urbano correspondentes ao mes de novembro do 2025, unhas cifras que volven superar todos os rexistros desde que existen datos municipais e que, por primeira vez, permiten superar a barreira dos 200.000 usuarios nun mes de novembro. En total, expedíronse 207.070 billetes, unha cantidade que supón 13.573 máis que a mellor marca ata agora, acadada no mesmo período do 2023.

Arroxo destacou que estas cifras confirman que o bus urbano se consolidou como o medio de transporte preferente para a maior parte da poboación de Lugo e lembrou que, tras a recuperación da actividade trala pandemia e a implantación dun modelo de liñas que achega cobertura a preto do 90% das persoas da cidade, queda demostrado que o autobús é a maneira máis eficaz e cómoda de desprazarse polo municipio.

O tenente alcalde tamén sinalou que, á espera dos datos de decembro, todo apunta a que o ano 2025 superará a marca anual de 2024, ao tempo que explicou que a área de mobilidade continúa a promover o uso do bus entre a cidadanía como unha alternativa económica que simplifica os desprazamentos ao evitar a procura de aparcamento. Neste exercicio, os meses de maio, xuño, setembro, outubro e novembro superaron os 200.000 billetes, mentres que todos os meses agás maio xa melloran os datos do 2024.

Lugo mantén o bus urbano máis barato de Galicia e o terceiro cun prezo máis reducido do Estado, cun billete ordinario de 0,64 euros, que se queda en 0,45 euros no caso de empregarse a tarxeta cidadá, e en 0,31 euros para persoas con mobilidade reducida, pensionistas, desempregadas ou estudantes. Ademais, todas as persoas usuarias da tarxeta cidadá dispoñen de transbordos gratuítos.

Para obter esta tarxeta é preciso cubrir o formulario dispoñible na web municipal ou recollelo nas oficinas do seminario, abonar a taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca e solicitar cita no 010 para retirala no Concello. A recarga mínima é de 5 euros e a máxima de 60.

⚙ Configurar cookies
0.077126026153564