O bus urbano de Lugo marca un novo récord de pasaxeiros en outubro con máis de 230.000 billetes expedidos

O bus urbano de Lugo continúa a bater marcas históricas e consolídase como o principal medio de transporte da veciñanza. Segundo informou o tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, durante o mes de outubro de 2025 rexistráronse 230.839 billetes expedidos, superando en 9.969 a mellor marca anterior, acadada no mesmo mes de 2024.
Arroxo salientou que estes datos confirman “que o bus urbano é xa o medio de transporte principal da maior parte da veciñanza de Lugo”. Engadiu que, tras a recuperación da pandemia e a adaptación da poboación ao novo modelo de liñas, que conecta a preto do 90% dos residentes, “o bus está a demostrar que é a mellor maneira de moverse pola cidade”.
Desde a área de Mobilidade continúase a promover o uso do bus urbano como “un transporte económico que facilita as viaxes, ao non ter que preocuparse por atopar aparcamento”, explicou o tenente alcalde. O bus urbano de Lugo é actualmente o máis barato de Galicia e o terceiro máis económico do Estado, cun prezo de 0,64 euros o billete ordinario, 0,45 euros usando a Tarxeta Cidadá e 0,31 euros no caso do transporte bonificado para persoas con mobilidade reducida, pensionistas, desempregadas ou estudantes. Ademais, as persoas usuarias da Tarxeta Cidadá dispoñen de transbordos gratuítos nos seus desprazamentos.
Para obter a Tarxeta Cidadá, cómpre cubrir o formulario dispoñible na web do Concello ou recollelo nas oficinas municipais do Seminario, e abonar a taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Posteriormente, debe solicitarse cita no 010 para retirar a tarxeta nas dependencias municipais. A recarga do moedeiro ten un importe mínimo de 5 euros e un máximo de 60.