O bus urbano de Lugo recupera o percorrido polo interior da muralla tras o remate das obras

LugoXa
Arroxo anuncia tamén que será gratuíto o 22 de setembro polo Día Europeo sen Coches
autobús-urbano-Lugo
5 Sep 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a partir do vindeiro luns 15 de setembro os buses urbanos das liñas 7, 8, 9 e 12 volverán circular polo interior da muralla tras a finalización das obras de peonalización. Estes vehículos retomarán o seu percorrido habitual subindo pola rúa Montevideo e realizando parada no cruce con Quiroga Ballesteros.

Arroxo destacou que a recuperación dos percorridos supón un avance para consolidar un servizo público que cada vez ten máis demanda.

Os datos do mes de agosto confirmaron un novo récord, con 159.365 billetes expedidos, o mellor rexistro de toda a serie histórica. O segundo mellor agosto foi o de 2024, con 153.238 viaxes, e a cifra supón tamén unha mellora respecto ao máximo previo á pandemia, en 2019, cando se alcanzaran 147.327.

“O bus urbano segue demostrando que é a mellor maneira de moverse por Lugo”, asegurou, subliñando que a rede cobre o 90% da poboación e conta con tarifas accesibles, con billetes ordinarios a 0,64 euros, reducidos a 0,45 coa Tarxeta Cidadá e só 0,31 para colectivos bonificados. Ademais, os transbordos son gratuítos para as persoas que empreguen a devandita tarxeta.

O responsable municipal anunciou tamén que, como vén sendo habitual, o bus urbano será gratuíto o 22 de setembro con motivo da celebración do Día Europeo sen Coches.

Arroxo animou ás veciñas e veciños a deixar o vehículo privado na casa e optar por medios alternativos como o transporte público, a bicicleta ou os desprazamentos a pé. Recordou, ademais, que o ano pasado se aproveitou esta data para peonalizar temporalmente a Mosqueira, como paso previo á súa futura humanización, e adiantou que nesta edición presentarase proxectos clave para a mobilidade da cidade.

O Día Europeo sen Coches instaurouse no ano 2000 por iniciativa da Comisión Europea, tras experiencias pioneiras como as de Reikiavik, La Rochelle e Bath en 1994, e a súa extensión estatal no Reino Unido en 1997. A data marca a fin da Semana Europea da Mobilidade e ten como obxectivo promover o transporte público e alternativas sostibles fronte á dependencia do coche privado.

⚙ Configurar cookies
0.071365833282471